O Diario
Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se establece a ordenación
dos apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na
Comunidade Autónoma de Galicia que entrará en vigor o 10 de maio de 2017.
Esta nova
regulación é necesaria debido a modificación realizada polo Estado en 2013 na
Lei de Arrendamentos Urbanos, obrigando as Comunidades Autónomas a que exerzan
a súa competencia exclusiva para a regulación de vivendas de alugueiro de uso
turístico co obxectivo de cubrir o baldeiro legal ocasionado pola exclusión
desta tipoloxía.
O cambio
produciuse como consecuencia da proliferación, tanto a nivel nacional como
internacional, da tendencia de alugar por días ou semanas a vivenda habitual
para fins turísticos, que se viu favorecido polo desenvolvemento das novas
tecnoloxías, dando lugar á creación de empresas que a través das súas páxinas
web ofertan este tipo de aloxamentos para a súa contratación en liña dun xeito
rápido e sinxelo.
O obxectivo
desta nova norma, polo tanto, é erradicar as problemáticas máis relevantes
vinculadas a esta actividade, como o impacto económico-social, fiscalidade e
tributación, garantía, seguridade e satisfacción das persoas usuarias, calidade
da oferta, molestias xeradas aos residentes e á cidadanía, intrusión ou
competencia desleal, entre outras.
Así, a
principal novidade deste decreto é a introdución da regulación das vivendas de
uso turístico, na que se conteñen os requisitos e servizos mínimos dos que
deberá dispoñer e o seu réxime de funcionamento e do exercicio da actividade.
Esta nova
normativa cumpre, deste xeito, unha demanda do sector turístico, o cal
manifestou en numerosas ocasións a necesidade de regular este tipo de
aloxamento, debido ao seu forte impacto e á competencia desleal que supón
respecto do aloxamento turístico regrado.
Vivendas de uso turístico
O novo
decreto define as vivendas de uso turístico como aquelas cedidas a terceiras
persoas de xeito reiterado –dúas o máis veces ao ano- e a cambio de
contraprestación económica, para unha estadía de curta duración –inferior a
trinta días consecutivos- e amobladas e equipadas en condicións de inmediata
dispoñibilidade.
A cesión
deste novo tipo de aloxamento turístico será da totalidade da vivenda; non se
permitirá a cesión por estancias e a súa comercialización poderá ser realizada
polas empresas turísticas ou polo seus propietarios.
Para o
inicio da súa actividade, o decreto establece simplemente a obrigatoriedade de
presentar unha declaración responsable ante a Área Provincial de Turismo de
Galicia na que radique a vivenda, e procederase a continuación, sempre que a
dita declaración estea debidamente cumprimentada, á súa inscrición no Rexistro
de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia (REAT).
En canto aos
requisitos e servizos mínimos, as vivendas de uso turístico deberán estar
suficientemente amobladas e dotadas dos aparellos e do enxoval necesario para a
súa utilización inmediata, co fin de prestar un servizo de aloxamento correcto
en relación coa totalidade de prazas de que dispoñan, todo en perfecto estado
de hixiene.
Así mesmo,
deberán contar con calefacción en todas as dependencias de uso de clientela
sempre que a temperatura ambiente o requira, número de teléfono 24 horas para a
atención ao usuario turístico, servizo de asistencia e mantemento da vivenda e
follas de reclamación de turismo.