O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, chegou a Madrid para participar no XVIII Congreso Nacional do Partido
Popular e destacou que os populares galegos acoden a esta cita con vontade de
“contribuír á renovación do ideario do partido para seguir sendo útiles aos
cidadáns, cuns postulados actualizados que sirvan para afrontar os desafíos
comúns que temos por diante nos próximos anos”.
Tellado recalcou o “papel decisivo” do PP galego
neste Congreso, xa que Alberto Núñez Feijóo foi membro destacado da Ponencia económica
e de Administración territorial, un dos documentos máis relevantes no contexto
político actual, no que España debaterá a reforma do modelo de financiamento
autonómico e se traballa para consolidar a recuperación da economía.
Tamén lembrou que a expedición galega é unha das
máis numerosas, con 450 integrantes entre compromisarios e convidados, xa que a
Comunidade se atopa entre as que máis militantes achegan ao partido. “Somos
unha excepción en resultado electoral porque tamén temos unha militancia
excepcional”, subliñou.
Achegas á ponencia social
Tellado puxo de
relevo que o PPdeG fixo múltiples achegas á Ponencia social, que se debate mañá
no Congreso. Estas emendas, que asina o secretario xeral xunto ao conselleiro
de Política Social, José Manuel Rey Varela, levan ao documento algúns dos
asuntos que tocan máis directamente a Galicia. Por exemplo, reclaman o
compromiso do Goberno central para financiar de xeito adecuado os servizos de atención
ás persoas maiores dependentes ou que viven soas que prestan as comunidades
autónomas, ademais de ter en conta criterios como a dispersión poboacional á
hora de garantir o acceso a estes servizos.
O PPdeG tamén
realizou emendas no eido da dinamización demográfica, para pedir que se
incorporen aos contratos públicos cláusulas sociais que favorezan ás empresas
que aplican medidas de conciliación ou para que se estude a posibilidade de
impulsar unha baixada no IVE dos cueiros, unha demanda que xa se fixo durante a
campaña das eleccións autonómicas e que agora se leva ao PP nacional. Estas
achegas son boa mostra da “vontade de trasladar o modelo da Xunta ao conxunto
do país”, indicou Tellado.
Un partido unido
O secretario
xeral fixo referencia ao “contraste” que ve entre a cita do PP e a outra que se
celebra este mesmo fin de semana tamén en Madrid, a de Podemos. “Quixeron
contraprogramar o noso Congreso para comparar os proxectos e lográrono. Mentres
Podemos se atopa sumido nunha guerra civil e centrado nas súas loitas internas,
o PP sae máis unido, máis forte e con máis ganas de seguir ao servizo de España
e de Galicia”, subliñou. Departamento de comunicación