A Xunta participou no simulacro do Plan de Emerxencias
Exterior da planta de Syngenta España, que se desenvolveu con éxito nas zonas
de afectación do posible accidente. O plan de Emerxencia foi activado a nivel 2
pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior que foi a encargada de dirixir a
todos os grupos que interviron no mesmo.
A realización deste tipo de exercicios ten unha gran
importancia, xa que dan a coñecer a potencial poboación afectada as medidas de
autoprotección a aplicar en caso dun incidente. Así mesmo, permiten unha
coordinación efectiva entre as administracións e a empresa para garantir unha
maior seguridade na zona.
Desenvolvemento do simulacro
O exercicio consistiu en simular un incendio grave no
almacén de inflamables que fai que os medios internos dispoñibles da empresa
non sexan capaces de apagalo, pola perigosidade dos produtos. Para elo se teñen
que poñer en acción medios externos. A empresa activa o seu Plan de Emerxencia
Interior informando ao 112 Galicia. De forma case simultánea actívase tamén o
Plan de Emerxencia Exterior elaborado e dirixido dende a Xunta de Galicia.
Neste simulacro tamén
participaron bombeiros de O Porriño, membros da Garda Civil, da Policía
Autonómica, Policías Locais de O Porriño e Mos, agrupación de voluntarios de
Protección Civil e Servizo Municipal de Protección Civil de O Porriño e
Mos, persoal dos dóus Concellos, persoal
sanitario do 061. En total, entre o persoal externo e o da propia empresa,
mobilizáronse a máis de 60 persoas.
Aposta polos simulacros
As normativas europea e estatal obrigan ás administracións
públicas a elaborar e implantar plans de emerxencia exterior para as industrias
afectadas con riscos inherentes ós
accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, co obxectivo de ter preparada a resposta axeitada para
minimizar as consecuencias á poboación e ó medio ambiente en caso de producirse
un accidente grave.
A elaboración destes plans non é suficiente se non se
traballa na súa implantación. Sendo consciente da importancia de realizar
exercicios para mellorar a coordinación dos recursos mobilizados, dende o ano
2013, a Xunta de Galicia está a levar a cabo campañas de implantación de plans
de emerxencias exterior en todo o territorio da Comunidade Autónoma.