O presidente do
PPdeG, Núñez Feijóo, asegurou hoxe que todos os españois deben ter
garantidos uns servizos públicos de calidade, vivan onde vivan. Para que isto se
faga efectivo, “estamos nun momento inmellorable para corrixir o que se fixo
mal e consagrar un sistema de repartición xusta e equitativa” na negociación
sobre o financiamento autonómico.
Feijóo fixo
fincapé en que para conseguir un país unido e vertebrado “é vital que non
concibamos España como o puzzle das vontades dos seus 17 presidentes
autonómicos, senón como o mosaico dos desexos e necesidades de 46 millóns de persoas”.
Durante a súa
intervención no debate da Ponencia Económica e de Administración territorial
que tivo lugar no Congreso nacional do PP, Feijóo insistiu en que o futuro de
España pasa por unha maior simetría na repartición de dereitos e de responsabilidades
polo que non se pode “paliar o agravio ficticio e sobreactuado dalgún líder
autonómico impoñendo un agravio real sobre o conxunto dos españois”.
Así mesmo, tamén
salientou que a Conferencia de Presidentes Autonómicos do mes pasado abriu unha
canle de diálogo, en igualdade, entre as comunidades e o Goberno central. Igualmente, á
hora de lograr a vertebración de España, recalcou a importancia dun desenvolvemento ambicioso das
infraestruturas para captar máis investimentos, crear máis emprego e facilitar
mellores oportunidades.
O partido do sentido común
Tal e como
manifestou, os populares teñen unha misión moi clara: deixarlles aos nosos
fillos unha España mellor da que coñecemos, ofrecer un modelo coherente de país
e ser un partido unido na moderación que demostre sentido común.
“A nosa Ponencia
Económica e de Administración territorial é ante todo un documento de sentido
común”, engadiu Feijóo indicando que por iso os populares defenden nela a
estabilidade orzamentaria. Ademais, resaltou que o PP debe ser o partido da
responsabilidade na xestión.
De igual modo que
sinalou que os populares defenderán unha España sustentable, “e por iso esta
ponencia fala do uso racional dos nosos recursos naturais”, tamén subliñou que reflexionaron
moito sobre o principal condicionante do noso futuro e un dos grandes retos
estruturais que hai que afrontar: a situación demográfica. “Somos, neste
momento, a única forza política capaz de impulsar e articular os grandes pactos
que son necesarios para mellorar a conciliación, frear o envellecemento e
paliar o despoboamento”, destacou.
Facer posible o imposible
“Tentamos o
imposible e logramos facelo posible”, así se expresaba o presidente dos
populares galegos ao lembrar que foi co PP co que nun país que destruía 1.600
empregos ao día pasouse a crear máis de medio millón nun ano, a liderar o
crecemento económico na Eurozona e a ser estudado como exemplo de saída exitosa
da crise.
A pesar disto,
aseverou que aínda queda moito por facer polo que “España necesita máis que
nunca un partido cun proxecto político sólido para o conxunto do país”. Xa para concluír,
Feijóo incidiu en que os populares teñen grandes solucións que ofrecer a unha
cidadanía que as está demandando. Por iso, “non podemos regalar aos nosos
adversarios o noso silencio nos temas que perfilarán a España do futuro”.
“Somos os
representantes desa política serena e chea de contido coa que se identifican a
maioría dos españois”, recoñeceu mentres mantiña que serán capaces de devolver
a confianza na política, nas institucións e no inmenso potencial do noso país. Departamento de comunicación