O
secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou hoxe que “sorprende
como, desde un escano, Luis Villares está firmando sentencias de culpabilidade
ou inocencia segundo criterios partidistas”. Así se expresaba en resposta ao
respaldo que o portavoz parlamentario de En Marea ofreceu ao edil de Compostela
Aberta, Jorge Duarte, investigado por
prevaricación administrativa.
“Confiamos
en que quen exercera de xuíz sendo político non exerza de político sendo xuíz”,
afirmou o número dous dos populares galegos mentres apuntaba que a doutrina de
Villares parece ser a de inculpar a quen pensa diferente e a de respaldar a
quen milita no seu partido, pese a que outros tribunais si vexan presuntas
actuacións delictivas. “De ser así toda a súa traxectoria xudicial quedaría
empañada”, engadiu.
Ademais,
Tellado manifestou que o sectarismo na política é un ben a desterrar pero que
sorprende aínda máis cando vén de alguén cuxa labor profesional consiste e
impartir xustiza. “Conviría que para estender certificados de culpabilidade ou
inocencia se atendera aos feitos e non ás afiliacións políticas”, indicou.
“Queremos
pensar que esta imprudencia do señor Villares débese á súa obrigada necesidade
de agradar aos alcaldes en cuxas mans reside o seu futuro político”, aseverou o
secretario xeral do PPdeG.
Do mesmo
xeito, Tellado tamén incidiu en que a debilidade de Villares o obriga a cometer
ese tipo de erros. “Sería bo que non escurecese o seu pasado profesional ou
comprometese o seu futuro na xudicatura por buscar un titular ocurrente”,
sentenciou. Departamento de comunicación