El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

A Xunta destinará 30 millóns a fomentar o emprendemento no rural

16-02-2017 15:55:58

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou un novo programa de formación e emprendemento no rural que, cunha achega de 30 millóns de euros, beneficiará a 13.000 persoas.   

Rueda precisou que esta iniciativa, dirixida aos 241 concellos que están declarados como zonas pouco poboadas e que agrupan arredor do 27% da poboación, contará con cinco medidas fundamentais para o apoio ao emprendemento e outras cinco para impulsar a formación.   

No tocante ao emprendemento, destacou a posta en marcha do Programa Galicia Emprende Rural, unha nova actuación do Igape dotada con 2,5 millóns de euros para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas no rural. “Son axudas á primeira implantación de novas actividades económicas non agrarias e que sexan viables”, dixo. Ademais, engadiu que os destinatarios deste programa serán os agricultores ou membros dunha unidade familiar dunha explotación que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrarios, pemes de nova creación ou que inicien actividades non levadas a cabo antes e autónomos.  As axudas incluirán unha contía básica de 20.000 euros que poderán incrementarse ata un máximo de 70.000 euros.   

Outras accións previstas neste eixo serán a creación de 6 laboratorios cooperativos no rural; así como a mellora dos incentivos á contratación, cun orzamento de 1,7 millóns de euros, dándolles unha intensidade maior -dun 25%- para as empresas do rural ao tempo que se impulsará o contrato para a formación e a aprendizaxe en compañías desta zona a través do deseño de itinerarios á carta das empresas.   

Por outra banda, potenciarase con 3,8 millóns de euros os centros coworking no rural. Tamén se reforzarán as axudas dirixidas aos concellos para a creación de Espazos de emprendemento activos de comercio.   


Impulsar a formación

En relación ás medidas para impulsar a formación, Rueda anunciou a elaboración dun Plan de formación en industriais forestais, dotado con 2,3 millóns de euros, e que terá como obxectivos: aumentar a oferta formativa en forestal, carpintería e madeira nos centros de formación profesional de economía; consolidar o Centro integrado de formación do Pedroso, en Santiago, como centro de referencia na área forestal; potenciar o CIS Madeira da Axencia Galega de Innovación como un espazo de formación para as empresas e técnicos das industrias forestais; e promover o Centro de investigación agroforestal de Lourizán.   

Así mesmo, porase en marcha a iniciativa Formación á porta, unha actuación pioneira coa que se levará aos concellos que non conten con centros homologados as actuacións necesarias para obter os certificados de profesionalidade centrados nas oportunidades de colocación desas zonas. E reforzarase tamén as aceleradoras de emprego con 2 millóns de euros, que priorizará aos municipios que contan con menos recursos.   


Obradoiros de emprego

No eido dos obradoiros de emprego, Rueda subliñou que se investirán 12,5 millóns de euros na posta en marcha de 70 obradoiros, cos que se prevé beneficiar a 1.400 persoas. Por último, Rueda aunuciou que se impulsarán os servizos de intermediación laboral co reforzo da Rede de orientadores de emprego no rural, a modernización de 36 oficinas de emprego do rural, e engadiu que cada concello do rural disporá dun orientador propio.   





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias