A
Consellería do Medio Rural subvenciona con preto de 103.000 euros o proxecto de
deseño dunha aplicación informática para mellorar a xestión de terras nas
cooperativas gandeiras. Esta achega enmárcase na convocatoria de axudas para a
execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da
Innovación (AEI).
Esta
iniciativa innovadora pretende contribuír a aumentar a sustentabilidade
ambiental e económica das explotacións e, ao tempo, mellorar a eficiencia
enerxética e obter, polo tanto, unha redución nas emisións de CO2 facendo uso
das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Trátase de aplicar
métodos informáticos e matemáticos para desenvolver un algoritmo que permita
obter alternativas para a organización espacial das parcelas. O obxectivo é
reasignar os predios entre os agricultores de maneira que, sen modificar a súa
superficie nin propiedade, cada un teña as parcelas máis próximas entre si e
máis preto de cada explotación.
Pártese da
idea de que o axeitado dimensionamento das explotacións agrarias é clave para
asegurar a súa viabilidade económica e ambiental, en especial a través da
contención dos custes de produción. Na gandaría de vacún iso pasa fundamentalmente
pola xestión eficiente da base territorial. Considérase que unha produción
baseada en pastos e forraxes propios, con parcelas cunha dimensión axeitada e
accesibles, axudaría a incrementar o rendemento das explotacións e a
revalorizar as granxas, reducindo os custes e a dependencia de insumos
externos, co conseguinte aumento da marxe de beneficios.
Esta é a
finalidade do proxecto subvencionable, no que participan dúas cooperativas
agrogandeiras, Cusoviame e Os Irmandiños (actualmente integrada en Clun), da
man da asociación de desenvolvemento rural Mariñas-Betanzos, as universidades
da Coruña e Santiago e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal).
A consellería aprobou esta iniciativa por
considerala punteira, innovadora e necesaria, xa que permitirá optimizar a
xestión da terra agraria mediante a aplicación das TIC. Este proxecto súmase
así aos 24 aprobados pola Consellería do Medio Rural por un importe total de
2,8 millóns de euros.
Proxectos innovadores
A resolución
das axudas aprobadas pola Consellería do Medio Rural que van financiar un total
de 25 plans do ámbito agroforestal foi publicada o pasado día 10 de febreiro no
Diario Oficial de Galicia (DOG). Estes proxectos piloto
teñen o obxectivo último de resolver un problema ou aproveitar unha
oportunidade determinada nos sectores agroalimentario e forestal. Desenvolverán
novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías que fomenten a
competitividade da agricultura, a sustentabilidade dos recursos naturais e do clima
ou activen as economías e comunidades rurais.