A Mesa pola
Normalización Lingüística presentou hoxe no marco da súa Asemblea Xeral a
Iniciativa Lexislativa Popular para a Garantía dos dereitos lingüísticos no
ámbito socioeconómico.
A iniciativa
pretende garantir materialmente, na práctica, o exercicio pleno do dereito a
usar o galego para os e as consumidoras e usuarias en todas as relacións, for
na atención oral e escrita, for na información, e conta xa conta co apoio
inicial de 120 persoas destacadas de diferentes ámbitos: empresariado,
representantes sindicais, de organizacións de consumidoras, do ámbito
académico, xurídico, do deporte e da cultura.
ILP a favor dos dereitos lingüísticos nas
relacións comerciais
Segundo sinalou o
presidente da Mesa, Marcos Maceira, existen no Estado español máis de 500
disposicións legais que garanten a presenza do español. 200 delas só para o
ámbito socioeconómico. Para o mesmo ámbito as galegas e galegos só teñen
recoñecido o dereito a empregalo mais sen ter por que ser correspondido pola
outra parte. “Queremos que o galego estexa ao mesmo nivel, que sexa unha lingua
para todo e que desaparezan as prácticas de chantaxe e as situacións de
discriminación nas que se obriga a persoas a deixaren de falar galego para
recibir servizos ou atención, en moitos casos por empresas subcontradas pola
administración”.
Só no 2016 a Mesa denunciou a través do seu
servizo A Liña do Galego, 335 casos de
discriminación que son só unha pequena parte das miles que se producen a cotío.
Delas, a metade estaban relacionadas co ámbito socioeconómico.
A ILp pretende
impulsar un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos
lingüísticos nas relacións comerciais, xa que a súa inexistencia, malia ser o
galego una lingua coofiacial en Galiza,
provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión,
denegación da atención e na prestación dos servizos, todo o que supón unha discriminación
por razón de lingua e unha penalización ilícita que sofre a parte máis fébel da
relación comercial: o consumidor e a consumidora. “Queremos que desaparezan
expresións como “o me habla castellano o no le atiendo”, e que a opción de
galego estexa sempre dispoñíbel tal e como acontece coa outra lingua oficial”,
indicou Maceira.
Esta desregulación
afecta tamén aos traballadores e ás traballadoras do ámbito da atención ao
público a quen nalgúns casos se lle impón a obriga de empregaren tan só unha
lingua cooficial: o castellano, ou, como se viu nalgún caso recente, padecen as
consecuencias da deslocalización en servizos que, coa exclusión do galego,
poden ser prestados desde lugares moi afastados de Galiza.
Mesmo as empresas
que queren desenvolver en galego toda a súa actividade atopan inumerábeis
trabas legais e administrativas apra o faceren coa mesma normalidade que se o
fixesen en castelán ou calquera outra lingua oficial nun estado.
Campaña social
A Mesa comezará
agora unha campaña para reunir miles de sinaturas en toda Galiza durante os
próximos catro meses. Para o presidente da Mesa “a sociedade galega foi a que
conquistou os pequenos avances que tivo o galego e é hora de avanzar máis. Por
iso é necesaria a activación que propomos mediante esta ILP.
Entre os aspectos
que recolle están o recoñecemento pleno do dereito á atención galego, a recibir
en galego calquera información, avisos ou instrucións, de maneira oral ou
escrita, calquera que sexa o formato; o dereito a dispor de contratos e
formularios en galego; o respecto pola toponimia galega, única legal e oficial;
e o dereito á opción de galego na teleatención. A ILP contempla ademais que as
administracións públicas dean exemplo ao contrataren servizos, garantindo a
capacidade de atender e entender en galego e primando na contratación quen
cumpra con todo o anterior, e realizando unha ampla campaña informativa sobre o
dereito a utilizar o galego.
Asemblea Xeral da Mesa
A iniciativa popular
centrará a actividade da Mesa nos próximos meses e foi aprobada pola Asemblea
xeral que escolleu una nova Comisión Permanente cuxa composición pasará de 7 a
9 persoas:
1.- Presidente:
Marcos Maceira Eiras (xestor cultural, Santiago)
2.- Vicepresidenta:
Elsa Quintas Alborés (Avogada, Vigo).
3.- Secretaria Xeral:
Mónica Pazos (Profesora, Foz)
4.- Coordinador de
zonas: Paulo Filgueiras Fachal (Profesor, Miño), Celia Armas
García (Profesora, A Coruña), Xosé María Cotelo
(técnico aeroporto, A Laracha), Manuel Rei Romeu
(Profesor, Pontedeume), Susana Méndez
García (Enfermeira, Punxín) e Manuel Carniceiro
Méndez Aguirre (consultor, Ourense).
A Asemblea Xeral
fixou como obxectivos da nova Comisión permanente manter a liña de recuperación
de espazos para o galego a través da activación e a mobilización da sociedade
como mellor medio para avanzar nas novas conquistas que a lingua galega
precisa. Neste sentido a Asemblea da Mesa considera a ILP presentada unha
oportunidade para avanzar colectivamente na conquista dun dereito fundamental: o
de poder utilizar sempre o galego e eliminar os limites impostos.
Para isto,
sinalaron, non abonda con se queixar, é precisa mudar a situación para unha de
normalidade. As e os asistentes
sinalaron ademais a importancia de manter unha entidade como a Mesa, que con máis
de 4000 socios e socias é a entidade cultural máis grande de Galiza, e que co
seu esforzo e achegas permiten que a entidade só dependa dos seus propios
recursos. Departamento de comunicación