O presidente da Xunta, Núñez Feijóo,
avaliou hoxe os 100 primeiros días de Goberno da X Lexislatura coa ilusión
renovada e coa mirada posta nunha Galicia máis estable, máis social, máis
próspera e máis sustentable. Durante o encontro de traballo cos membros do
goberno, secretarios e directores xerais, Feijóo aseverou que neste período o
Goberno galego traballou a pleno rendemento para converter en feitos os
compromisos adquiridos o pasado 25 de setembro: “Foron cen días de inconformismo,
para avanzar vellos proxectos e para abrir novos camiños”, dixo, facendo
fincapé en que este é un balance que se conxuga en futuro, non en pasado.
Logo de
navegar nunha lexislatura sobre o tsunami da recesión e dedicar outra a reparar
os danos, o responsable do Executivo autonómico afirmou que, agora, nesta
terceira lexislatura é o momento de aproveitar a incipiente recuperación
económica para que Galicia navegue cara ao seu futuro. Nesta liña,
pediu ao seu equipo de Goberno seguir traballando con responsabilidade, sen
confundir a confianza dos galegos cun cheque en branco, sen perder o espírito
de traballo e de superación constante e reivindicando “o modelo de país no que
cremos e para o que traballamos: unha Galicia próspera, unha Galicia xusta e unha
Galicia ambiciosa, tranquila e para todos sen exclusións”.
Un Galicia máis estable e máis social
Na aposta
por unha Galicia máis estable, Feijóo lembrou que a Xunta está a demostrar o
seu compromiso con feitos: aprobando en menos dun mes os Orzamentos para 2017;
conxugando o cumprimento do déficit –un ano máis- co crecemento económico,
superior ao 3% e por riba da media española; pagando aos seus provedores e co
compromiso de pagar nunha media de 10 días neste ano.
No eido
social, e para as familias con nenos, resaltou a mellora da Tarxeta Benvida e
do programa de vacinación infantil, a apertura de novas garderías e a creación
de 30 novas casas niño no rural. Para as persoas maiores dependentes salientou
a posta en marcha do plan para a construción de sete novas residencias públicas
nas sete grandes cidades galegas e, para axudar as persoas con dificultades
referiuse, a modo de exemplo, ao Bono Alugueiro Social para facilitar o seu
acceso á vivenda.
Así mesmo, destacou
a posta á disposición de máis axudas e mellor atención psicolóxica para as
vítimas de violencia de xénero; o impulso de todas as infraestruturas
hospitalarias e de Atención Primaria pendentes; a creación de cinco novas unidades
xudiciais para acadar unha xustiza máis áxil e eficaz, e a implicación da
Comunidade na Conferencia de Presidentes para acadar un Pacto nacional pola
Educación, para incluír a demanda de que se teña en conta o gasto sanitario á
hora de acordar un novo sistema de financiamento e para abordar o reto
demográfico.
No eido
educativo, referiuse tamén á experiencia da Comunidade en relación á aposta
polo bilingüismo cordial, polo plurilingüismo e pola Formación Profesional.
Unha Galicia máis próspera e sustentable
Co obxectivo
de traballar por unha Galicia máis próspera, Feijóo subliñou a elaboración
dunha Estratexia para converter a Comunidade no lugar máis favorable para
traballar por conta propia e a aposta pola innovación e por sectores novos como
o aeronáutico ou a fábrica 4.0.
Neste mesmo
sentido, recordou ademais que a lexislatura do rural xa comezou: “Fomos os
primeiros en xestionar as axudas das PAC, apoiamos a máis de 600 mozos que
querían incorporarse á actividade agraria e impulsamos a diversificación e
modernización do sector lácteo con novas instalacións de transformación do
leite e sumando cooperativas máis grandes, potentes e operativas”, precisou,
logo de reiterar ademais o compromiso co sector pesqueiro, con máis axudas para
pescadores e mariscadores.
Co obxectivo
de acadar unha Galicia máis sustentable, cunha mobilidade adaptada ao século
XXI, Feijóo destacou os pasos dados para tramitar cinco vías de alta capacidade
nesta lexislatura, os avances na tramitación das intermodais e o inicio da
redefinición do transporte público de viaxeiros. “E tamén fixemos todo o
posible para minimizar os efectos do bloqueo institucional na chegada do AVE a
Galicia”, engadiu.
O presidente
da Xunta resaltou tamén o compromiso cunha Galicia máis sustentable que
respecte o seu patrimonio natural, para conseguir unha ordenación da paisaxe e
un urbanismo respectuoso e harmónico. “E cunha Galicia que respecte o seu
patrimonio cultural e lingüístico”, engadiu.
Sobre este
último punto, destacou os avances no desenvolvemento da lei aprobada o ano
pasado, co inicio do deseño dunha folla de ruta para estender o uso do galego
entre os máis novos.
Aposta por un Goberno útil que mellore a vida
dos cidadáns
Feijóo avogou
por seguir apostando por un Goberno útil que consiga mellorar a vida dos cidadáns
e que avance pola liña trazada nas dúas lexislaturas anteriores. Unha liña que
demostrou ser a máis eficaz para o progreso de Galicia, baseada nun proxecto de
país que logrou o maior crecemento económico en oito anos, nun proxecto de país
no que se asenta un novo récord histórico das exportacións galegas e nun
proxecto de país que creou 20.000 novos empregos no último ano.
Ao longo da
súa intervención, o presidente afirmou que á estabilidade que pediron os
cidadáns, a Xunta respondeu desde o mesmo 26 de setembro garantindo o dinamismo
de Galicia: a través duns orzamentos elaborados en días e que crecen un 2,7%
para trasladar a recuperación iniciada a todos os galegos; cunha estratexia de
apoio aos autónomos, un dos colectivos máis castigados pola crise económica;
coa ampliación do plan de impostos cero para os mozos, as familias numerosas e
as persoas con discapacidade que merquen a súa vivenda habitual no 94% do
territorio galego; e con máis de 150 acordos, decisións, proxectos de lei ou
decretos aprobados nestes 100 primeiros días.
O responsable
do Executivo autonómico concluíu afirmando que lonxe de mirar con complacencia
as máis de 150 decisións tomadas, este Goberno fai balance “coa ambición dos
1.300 días que nos quedan”.