A Xunta de
Galicia organiza por primeira vez un campamento xuvenil no Parque Natural do
Xurés. Trátase dunha das novidades que introduce o convenio de colaboración
asinado entre as consellerías de Medio Ambiente e Política Social para a posta
en marcha de actividades para a organización e o desenvolvemento conxunto de
actividades de conservación, protección e fomento do patrimonio natural, cun
investimento de 80.000, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento
Rexional. Este campamento estará dirixido a mozos e mozas de entre 15 e 17 anos
e celebrarase no mes de xullo no marco do programa Acción de Verán da
Consellería de Política Social.
Tal e como
destacou a conselleira de Medio Ambiente, os participantes terán a oportunidade
de coñecer e vivir o día a día nun espazo excepcional, ao tempo que se
potencian os valores polo coidado do medio ambiente. Unha tarefa- que segundo
manifestou Mato Otero- “é interxeneracional, xa que dende os máis mozos ata as
persoas máis experimentadas deben colaborar”.
O convenio
asinado hoxe é o marco organizativo e legal para o desenvolvemento das
accións que ambos departamentos levan realizando ao longo destes anos, como os
campos de traballo ou os programas de voluntariado e que nesta edicións se
amplía coa organización do campamento xuvenil e tamén do programa Dinamizando o
Medio Ambiente. A previsión é chegar a un participación de 600 persoas no
conxunto de programas recollidos neste convenio de colaboración.
Grazas ao
equipo de dinamizadores que traballan en colaboración cos diferentes concellos
de Galicia -especialmente cos Espazos Xoves-, no deseño de eventos dun día de
duración que se desenvolven nos parques naturais, como a realización de rutas e
actividades de educación ambiental e lecer educativo. O período no que se
levarán a cabo serán entre abril e outubro durante os fins de semana e e están
dirixidas especialmente a persoas de entre 16 e 30 anos. Na actualidade, estase
a pechar o programa definitivo para que poidan participar ao longo destes meses
unhas 300 persoas.
O convenio tamén fixa a celebración de campos de traballo nos seis
parques naturais de Galicia, sendo dous (Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas
de Carregal e Vixán e Baixa Limia-Serra do Xurés), de carácter internacional,
polo que poden participar xente de entre 18 e 30 anos de toda a Unión Europea.
Os outros catro serán nas Fragas do Eume, Monte Aloia, O Invernadoiro e Serra
da Enciña da Lastra.
Asemade, a
Xunta de Galicia ten previsto organizar un total de 28 campos de traballo na
comunidade nos meses de verán distribuídos por municipios das catro provincias
galegas. Nestes campos ofertaranse un total de 598 prazas a voluntarios e
voluntarias galegos, doutras Comunidades Autónomas e do estranxeiro; que
levarán a cabo un amplo abano de actividades e obradoiros como a limpeza de
maleza e a prevención de incendios; a recollida de lixo; a conservación de
especies autóctonas; a recuperación de roteiros, así como de muíños e outros
elementos da arquitectura popular; e a identificación da flora e da fauna,
entre outras tarefas. “Labores que ademais da incidencia directa e positiva no
entorno, axudan aos participantes a adquirir valores e actitudes responsables
co medio natural”, apuntou Rey Varela.
O
conselleiro de Política Social sinalou que estes programas “dan visibilidade ao
compromiso da mocidade coa protección e coidado do medio ambiente”, e avogou
por reforzar as iniciativas de voluntariado porque “o seu exercicio leva
consigo o fomento de actitudes e comportamentos orientados a crear unha
sociedade mellor en tódolos ámbitos, así como tamén máis inclusiva e
solidaria”.
Nese
sentido, Beatriz Mato destacou a celebración dun programa de voluntariado en
cada parque, aberto á participación dun abano máis amplo da sociedade e cunha
duración máis variable, xa que se organizan quendas semanais ou fins de semana
durante os meses de xullo a setembro.
Por último,
a conselleira de Medio Ambiente destacou que as experiencias activas de goce e achegamento
ao seu coñecemento e as actividades prácticas realizadas sobre o terreo son a
mellor vía para o conxunto da sociedade tomen conciencia da importancia
ecolóxica, ambiental e económica dos nosos parques naturais.