El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

Feijóo: "Galicia foi capaz de acuñar políticas de xeito pioneiro"

01-03-2017 20:21:56
Presentación do libro.

Alberto Núñez Feijóo afirmou hoxe que o período 2009-2012 servirá “para darnos conta de que Galicia foi capaz de acuñar políticas de xeito pioneiro, que co paso do tempo se foron consolidando a nivel nacional”. A Galicia que mantivo intacta a súa autonomía e o seu autogoberno; que fixo propia a idea de gastar menos en burocracia e máis nos cidadáns; que reduciu de xeito histórico a súa Administración paralela; que non renunciou a mellorar os seus servizos públicos; que loitou por manter a sede social dunha entidade financeira de referencia; que marcou unha estratexia de internacionalización da súa economía; que reactivou sectores estratéxicos como o naval ou a automoción; que incorporou unha terminoloxía política nova –a austeridade-; que foi capaz de introducir no discurso político ‘facer máis con menos’; e a Galicia que impulsou a primeira fusión de concellos en catro décadas.   

Durante a presentación do libro Os discursos parlamentarios de Alberto Núñez Feijóo. Oitava lexislatura 2009-2012, da colección do Parlamento dedicada aos presidentes de Galicia, o titular da Xunta recoñeceu que na súa primeira lexislatura non sempre foi doado xestionar, nin tampouco explicar, un momento tan difícil como foi a peor crise económica que tivo que afrontar un Goberno autonómico. “Porén, sempre tentei dicir a verdade dos asuntos, por incómodos que fosen ou parecesen e, por suposto, comezando por este Parlamento”, abundou.   

Nesta liña, asegurou que os textos que hoxe presenta o Parlamento nacen dun anhelo de explicación, dun desexo de facer partícipe á Cámara e, polo tanto, á cidadanía galega, dos problemas e decisións que o exercicio do poder comporta. “Para ser completa, a democracia ten que ser representativa, participativa e tamén explicativa. Sen representación, a democracia corre o risco de derivar nunha cacofonía e de resultar inútil para conciliar os diferentes intereses que existen nunha sociedade. Sen participación, a democracia agóstase e perde vigor. E sen explicación, prodúcese unha desconexión entre representantes e representados”, dixo, destacando tamén a crítica como un síntoma saudable e necesaria para que a democracia parlamentaria poida renovarse e perfeccionarse sen destruírse.


Un país de palabras e, en consecuencia, un país de palabra

Durante a súa intervención, Feijóo incidiu en que ningún dos debates que se producen nun Parlamento é estéril ou superfluo, “xa que o único superfluo é o silencio”, aseverou, facendo fincapé en que cando se trata de construír un país, as palabras nunca sobran.   

Deste xeito, afirmou que cando existe unha maioría social que non comprende unha decisión, o político non debe refuxiarse nun despotismo ilustrado senón preguntarse onde está o erro. Unha fórmula, segundo asegurou, válida en todas as circunstancias, pero sobre todo cando existe un pobo como o noso, formado, sensato e provisto desa arma de comprensión masiva que é a palabra.   

Diante disto, Feijóo asegurou ver nas comparecencias parlamentarias non soamente un deber, senón sobre todo un estímulo, un aliciente, unha oportunidade de explicar, compartir e escoitar cousas non sempre agradables, pero sempre útiles para quen ten a responsabilidade de gobernar.   

O presidente da Xunta concluíu expresando o desexo de que o lector que se achegue a estes textos poida ver neles unha inmensa paixón por Galicia, un inmenso orgullo por ser parlamentario e “un compromiso honesto co pobo do que formo parte”. E trasladou a certeza de que este país seguirá formando parte das democracias do mundo, e de que a Cámara galega seguirá sendo a casa na que todos podemos convivir, “porque somos un país de palabras e, en consecuencia, un país de palabra”.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias