O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado,
valorou hoxe os datos de paro de febreiro coñecidos este xoves salientando
as caídas nas cifras de desemprego nos colectivos especialmente sensibles, como
os parados de longa duración, os mozos e as mulleres. “Son grupos nos que o
Goberno galego está a centrar moitos esforzos con políticas activas de emprego
pensadas especialmente para eles, e en meses coma este vemos que están a dar un
gran resultado”, aseverou.
Tras subliñar que “a caída do desemprego en
febreiro en termos interanuais foi en Galicia máis pronunciada ca na media de
España”, celebrou que a Comunidade presente 23.344 parados menos ca no mesmo
mes do ano pasado, o que supón un descenso do 9,92% no que foi “o mellor
febreiro de toda a serie histórica”. Así, as cifras colócanse en niveis de
2010, isto é, nos máis baixos en sete anos.
No mesmo sentido, Tellado fixo fincapé en que “as
tendencias positivas seguen consolidándose” coas afiliacións á Seguridade
Social, que cun crecemento dun 1,93% no pasado mes xa rexistran tres anos de
subidas consecutivas. En termos máis concretos, celebrou que sexan “sectores
clave” como a construción ou a industria os que están a liderar a creación de
emprego, e que este fenómeno se reproduza nas catro provincias e nas grandes
cidades.
En definitiva, Tellado resumiu os datos coñecidos
este xoves como “a constatación de que Galicia consolida a súa recuperación
económica”, e ilustrou o seu argumento que feito de que “a Comunidade xa recuperou
52.0000 dos empregos destruídos durante a crise e seguimos con menos parados,
máis afiliacións e máis contratacións”.
Moito por facer
O número dous do
PPdeG puxo tamén enriba da mesa o feito de que o Goberno galego “non sexa
conformista” e, pese aos bos datos que se coñecen mes a mes, siga ofrecéndolle
aos cidadáns novas ferramentas para fomentar o emprendemento e o emprego de
calidade. Así, hoxe pódese dicir que están en marcha a Estratexia do Autónomo,
cunha dotación de 40 millóns de euros ao ano; o Plan de Formación e
Emprendemento específico para o rural con 30 millóns; e o impulso á formación
para desempregados con 61millóns de euros.
Crcemento da economía
O secretario
xeral tamén quixo facer referencia ao crecemento do PIB galego dun 3,1% ao peche
de 2016, o que supón unha tendencia que xa se alonga por catro anos de
incrementos sostidos e progresivos. “Esta é a demostración de que as previsións
da Xunta non só foron sempre realistas, senón que eran conservadoras”,
subliñou, lembrando que o Goberno galego estimaba que a economía da Comunidade
medraría en 2016 un 2,5%.
Neste sentido,
Tellado insiste en que “a aceleración económica é un feito, xa que nun ano
medramos do 2,1% ao 3,1%”, e salienta o bo comportamento de sectores como a
industria e os servizos, así como o récord de exportacións, que tivo un aporte
fundamental a estes datos e un indubidable efecto positivo sobre o emprego.