O
presidente do PPdeG, Núñez Feijóo, afirmou hoxe que “o camiño cara
á igualdade paviméntase con feitos, non con palabras”. Así se expresaba na
clausura do acto de homenaxe ás mulleres “O PPdeG, de igual a igual”, que se
celebrou esta mañá en Compostela.
Alí
apuntou que os populares teñen que seguir traballando por un país onde cada
muller poida escoller libremente o seu camiño no ámbito familiar, no
empresarial e no político. En primeiro lugar, sinalou que deben dar respostas a
aquelas que queren ter fillos sen renunciar á súa traxectoria profesional e
salientou que xa están a avanzar nos campos da conciliación e da
corresponsabilidade.
Nese
senso, indicou que é a vez na historia na que Galicia ten máis prazas públicas
de gardería, estando por primeira por riba da recomendacións mínimas europeas;
que se conceden axudas para as familias que non obteñan unha praza pública nestes
centros ou para as que necesiten puntualmente un coidador; que se reforzou e
mellorou o programa de vacinación infantil e que, para dar solucións ás mulleres do rural, a finais
deste ano, prevese que existan xa 60 casas niño nos concellos que non teñan
outro recurso de atención á infancia.
Por outra
banda, Feijóo tamén recoñeceu que teñen que dar respostas a aquelas mulleres
que queren avanzar no eido empresarial e atopan situacións de discriminación xa
que “Galicia debe rematar cos últimos teitos de cristal que aínda existen”.
Para logralo, o presidente lembrou que nos primeiros cen días desta lexislatura
concedéronse axudas a 81 iniciativas empresariais lideradas por mulleres, no
marco do programa Emega; e que se aprobou o II Plan Galego de Muller e Ciencia.
Do mesmo
modo, sinalou que hai que apoiar a aquelas mulleres que queren achegar as súas
ideas para engrandecer a política galega, ámbito no que o PPdeG sempre foi
pioneiro. O presidente recordou que foron o partido no que militaron dúas das
tres primeiras deputadas do Parlamento de Galicia, o que nomeou a primeira
conselleira, María Jesús Sáinz; e o que sustentou, por primeira vez, un Goberno
con máis mulleres que homes. Malia isto, insistiu en que non se deben politizar
os problemas das mulleres, senón resolvelos.
Galicia ten nome de muller
Durante a clausura do acto, que tamén contou coa
participación da coordinadora de Igualdade do PPdeG, Susana López Abella,
Feijóo subliñou que “Galicia sempre tivo nome de muller” e que esta comunidade
non se entendería sen a achega de moitas mulleres coas que este país aínda ten
débedas pendentes.
O
presidente tamén remarcou que os populares están decididos a poñer fin aos
últimos redutos da desigualdade, que teñen como máximo expoñente a violencia
machista, unha lacra que están decididos a erradicar. Nese sentido, engadiu que
o Goberno galego tomou a decisión de persoarse en todos os asasinatos
relacionados coa violencia machista na comunidade.
Así mesmo,
indicou que a igualdade non é unha loita duns contra outros senón un reto que
debe implicar a toda a sociedade, e que non basta con promovela por decreto
senón que teñen a obriga de concienciar. De igual xeito, Feijóo recalcou que os
populares defenden a abolición de todos os estereotipos de xénero que aínda
sobreviven, xa que “cremos nunha Galicia que viva en feminino e que viva en liberdade”. Departamento de comunicación