O presidente de NNXX de Galicia, Diego Gago, anunciou
hoxe a súa intención de presentar a súa
candidatura ao Congreso nacional de Nuevas Generaciones que terá lugar o
vindeiro mes de abril.
Xunto aos seus compañeiros de equipo de Novas Xeracións e
logo de lembrar que leva 13 anos nesta organización, á que se sente moi
agradecido, asegurou que non hai nada máis grande que poder liderar esta
agrupación a nivel nacional.
“Preséntome con moita ilusión e responsabilidade”,
aseverou mentres subliñaba que Nuevas Generaciones España necesita unha organización
forte, viva, aberta e que poida englobar e acoller a todos aqueles que crean na
sensatez, na tolerancia e no sentido común.
Tras sinalar que son a primeira organización política
xuvenil en Galicia e en España, agradeceu o apoio recibido por parte do partido
a nivel autonómico, que confía nel para que un galego lidere este proxecto a
nivel nacional.
Así mesmo, destacou que a labor de oposición que exerce
como concelleiro do PP en Vigo axudarao para trasladar con enerxía as
necesidades dos máis novos.
Por último, avanzou que aínda queda todo un proxecto que
presentar e que será colectivo e non individual. Gago apuntou que se tratará
dun plan integrado por persoas de todas as partes do país, ás que trasladou a
súa intención de contar con todas elas, xa que el mesmo é unha persoa
accesible e “para facer un bo proxecto fai falta escoitar todas as
sensibilidades”. Igualmente, manifestou que se esta aspiración sae adiante,
“traballarei para facelo como eles esperan”.
O presidente de NNXX tamén informou que o seu compromiso
a partir de agora será visitar todas as comunidades autónomas de España e o
maior número posible de provincias.