O 50% dos
galegos con idades comprendidas entre os 55 e os 64 anos utilizaron Internet
nos últimos tres meses, fronte a un 29,4% que afirmaron utilizalo no ano 2012.
No tramo de idade dos 65 aos 74 anos o uso de internet tamén crece e sitúase no
21%. Son datos que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a
Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dentro do estudo “Os Maiores e as TIC”.
Neste informe afóndase na incidencia de
factores sociodemográficos no uso das tecnoloxías entre os maiores. O tamaño do
hábitat resulta determinante no uso de Internet en ambos tramos de idade. Así, nos
núcleos máis de 50.000 as persoas de 55 a 64 anos que usan internet supoñen
máis do dobre que as que viven en núcleos de menos de 5.000 (64,4% fronte ao
30,1%). No caso dos maiores de 65 a 74 anos, os que viven en concellos de máis
de 50.000 habitantes quintuplican no uso da Rede aos que viven en núcleos con
menos de 5.000 persoas (37% fronte ao 7,4%).
As TIC
avanzan a bo ritmo entre os maiores
Esta panorámica xeral observada no uso de
Internet reprodúcese tamén no uso do ordenador. A utilización de ordenador increméntase
entre os maiores, especialmente entre os que teñen de 55 a 64 anos, que se
aproxima ao 48%. Cabe destacar que o incremento no uso do ordenador entre os 55
e 74 anos nos catro últimos anos (11,3 puntos) supera ao ritmo de crecemento do
conxunto da poboación (7,1 puntos).
O tamaño do hábitat incide tamén claramente no
uso do ordenador entre os maiores, incrementándose o uso do ordenador a medida
que o fai o tamaño do concello con valores moi similares aos rexistrados no uso
de Internet. O 64,6% das persoas de entre 55 e 64 anos que viven en concellos
de máis de 50.000 habitantes usan internet fronte ao 29,9% dos que viven en
núcleos de menos de 5.000 habitantes. No caso dos maiores de 65 a 74 anos,
estas porcentaxes son do 35,9% en municipios de máis de 50.000 persoas e do 8%
no de menos de 5.000.
O nivel de ingresos incide directamente sobre
o uso de ordenador entre os maiores de forma significativa, de modo que a
medida que medran os ingresos, increméntase o uso do ordenador.
Compras
online e uso da eAdministración
En relación ás compras a través de Internet, tanto
a media estatal como a galega rexistran porcentaxes baixas, especialmente entre
os maiores de 64 a 75 anos. Tan só un 7,9% dos galegos de 55 a 74 anos
realizou compras a través de Internet nos últimos tres meses. As compras online
aumentaron no último ano en todos os rangos de idade, concretamente en 2,8
puntos porcentuais no caso das persoas con 55 e 64 anos, e 0,9 puntos
porcentuais nas idades comprendidas entre os 65 e 74 anos.
Non obstante, máis da metade (54%) dos
internautas de 55 a 74 anos empregou Internet para relacionarse coas
administracións públicas e nos concellos con máis de 20.000 habitantes, a
porcentaxe de internautas de 55 a 64 anos que interacciona coas Administracións
Públicas supera xa o 60%.
Capacitación
dixital pública e gratuíta
A Xunta ten en marcha o Plan de Inclusión
Dixital de Galicia 2020 para facilitar capacitación dixital a todos os galegos,
independentemente do nivel de coñecemento que posúan. Un dos instrumentos deste
Plan é a Rede de aulas públicas CeMIT que, desde a súa posta en marcha en 2011,
vén traballando para achegar as TIC ás persoas maiores. Actualmente, a Rede conta
con máis de 15.000 usuarios maiores de 55 anos, principalmente das zonas rurais
de Galicia.
Só en 2016 a Rede CeMIT realizáronse nas aulas
CeMIT máis de 280 cursos e máis de 4.200 horas de formación específicas para
este colectivo. Ademais, lanzáronse actividades formativas coma os 55 cursos
prácticos “Aprende a usar o teu smartphone”, nos que participaron máis de 500 persoas maiores, unha actividade
que acaba de abrir unha nova edición en 2017.
Todos os
informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative
commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org