A
Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 6 millóns de euros, un 20%
máis que na convocatoria anterior, ao programa Galicia Exporta Empresas, que acaba de activarse para apoiar a
internacionalización de 300 Pemes galegas facilitando tanto a súa participación
en eventos
expositivos como accións de prospección en mercados exteriores.
O programa
Galicia Exporta Empresas está destinado ás pequenas e medianas empresas e, por
primeira vez, incorpora tamén aos autónomos. Regula axudas que cobren o 70% do
investimento subvencionable para actuacións de difusión e promoción. A anterior
convocatoria do programa Galicia Exporta Empresas concedeu axudas para
facilitar a internacionalización de 232 empresas galegas. Por sectores, entre
as pemes beneficiarias destacaron as de agroalimentación, seguidas das de
téxtil-moda, construción, servizos e maquinaria e equipamento.
A
Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de activar, igualmente, a
liña de axudas para a contratación de xestores de internacionalización, un programa que ten apoiado xa a
incorporación de máis de 300 profesionais ás Pemes galegas. En ambos casos, o prazo para a presentación de solicitudes está
aberto ata o próximo 9 de maio.
A
convocatoria deste ano para xestores de internacionalización facilitará a
contratación, por Pemes e, tamén por primeira vez, autónomos, de novos
profesionais que busquen iniciar a súa carreira profesional no ámbito da
internacionalización, facilitando así a especialización neste ámbito. Como
novidade, tamén se facilitará a contratación de expertos maiores de 45 anos que
se atopen desempregados.
Iniciativas agrupadas
Estas
convocatorias, publicadas o pasado xoves no DOG, xúntanse á do programa Galicia
Exporta Organismos intermedios, xa activado, co que se prevé apoiar a
internacionalización doutras 200 Pemes ao abeiro de proxectos colectivos, de
grupos de polo menos tres empresas. Os tres programas están integrados dentro
da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, impulsada pola
Consellería de Economía, Emprego e Industria para facer das exportacións un
motor de emprego e crecemento empresarial consolidando a recuperación
económica. A través das tres convocatorias activadas, cunha dotación global de
8M€, contribuirase á internacionalización de máis de 500 autónomos e Pemes.
Récord de exportacións
O esforzo
continuado da Xunta de Galicia no ámbito da internacionalización está
contribuíndo a que as exportacións galegas veñan de acadar, en 2016, un novo
récord histórico, ao superar por primeira vez os 20.000 millóns de euros, e
rexistrar un incremento do 6% con respecto ao 2015. Durante o pasado ano,
ademais, incorporáronse á exportación preto de 400 novas empresas,
incrementando o número de compañías exportadoras ata máis de 6.700.