Román Rodríguez participou hoxe nos actos conmemorativos do centenario do pasamento de Eduardo Pondal,
organizados pola súa Fundación, e coñeceu de primeira man o traballo de
difusión cultural desenvolto pola FEP a través dos distintos talleres que
organizan. Esta homenaxe
foi extensiva ás outras dúas figuras claves do
Rexurdimento literario do século XIX, Rosalía de Castro e Curros Enríquez.
Na súa intervención o conselleiro
destacou a orixinalidade e o carácter fundacional da obra poética do autor de ‘Queixumes
dos pinos’, explicando que é e “seguirá sendo un referente”. “Lemos a Pondal ?dixo o
conselleiro? desde a perspectiva de ser un piares básicos da renovación da
lingua literaria, e tamén desde a visión de ser un precursor que abriu camiños
novos para a cultura galega. Como tamén os abriron, canda el, Rosalía de Castro
e Manuel Curros Enríquez.”
Precisamente, a Consellería en
colaboración coas Fundacións Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros
Enríguez, está a impulsar un itinerario literario do Rexurdimento galego
que conecte as figuras de Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros
Enríquez, os principais autores deste movemento cultural, político e literario
que se inaugurou coa publicación, en 1863, de “Cantares Gallegos”. O titular de Cultura rematou a súa
intervención explicando que Pondal, a carón de Rosalía e Curros, “conforman xa
parte do noso imaxinario colectivo como pobo. Un pobo que trata sempre de mirar
cara adiante, para nunca desandar o andado.”
Nesta homenaxe popular tomaron parte,
ademais do conselleiro, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez;
o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; en representación da
Deputación Provincial da Coruña acudiu Xesús Soto; o alcalde de Ponteceso e
presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé Lois García Carballido, o alcalde
de Celanova e presidente
da Fundación Curros Enríquez, José Luis Ferro; o
presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e os secretarios
xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García,
respectivamente; así como o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.
Desenvolvemento
Logo da misa, na igrexa de San Tirso de Cospindo, deron comezo os
actos civís coa recepción das autoridades e a ofrenda floral diante do monólito
conmemorativo do nacemento do bardo. Houbo reparto de flores, así como unha
danza de paus durante a ofrenda. A continuación, a Banda de Gaitas Inllar
interpretou o Himno do Antigo Reino de Galicia, mentres a comitiva coas
autoridades á cabeza avanzaba cara á sede da fundación.
Á chegada á FEP, no salón principal, tres actores interpretando
aos escritores Rosalía, Curros e Pondal, fiaron un acto festivo no que a alumna
Alba Costa e o acordeonista Francisco Costa interpretan o poema
"Ponteceso", houbo diversas intervencións institucionais e rematou
coa interpretación do himno galego a cargo da coral A Oliveira. O programa
rematou cunha visita ás distintas dependencias da Fundación, onde se puido ver
unha mostra das actividades e obradoiros que desenvolve a entidade.