A Consellería de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria acaba de convocar un novo premio de innovación
educativa co que se busca recoñecer o traballo que están desenvolvendo os
centros educativos públicos en prol da promoción e impulso dos coñecementos
STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Uns coñecementos presentes
a través das distintas materias troncais e específicas do currículo, e máis
concretamente nas de libre configuración autonómica de Programación (para ESO) e
de Robótica (para bacharelato), nas que este curso 2016/17 hai un total de
4.200 e 570 matriculados respectivamente, o que demostra o notable interese que
espertan no alumando.
Cómpre lembrar que, en liña coa introdución
destas materias, o departamento educativo da Xunta de Galicia realizou no
presente curso unha dotación de kits de robótica educativa, placas de
comunicación e programación e equipos de impresión 3D aos institutos galegos,
uns equipamentos cos que se favorece o fomento das competencias científicas e
tecnolóxicas, así como polas vocacións STEM.
Precisamente, os proxectos presentados ao premio
‘Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D’ deberán estar elaborados
con este material tecnolóxico. Cada centro poderá concorrer con ata un máximo
de seis equipos, que estarán configurados por un mínimo de tres alumnos e un
máximo de seis.
Tres
desafíos para demostrar as habilidades adquiridas
A competición divídese en dúas categorías e
tres desafíos, nos que o alumnado demostrará as habilidades adquiridas. En
concreto, a categoría STEM junior está pensada para proxectos sinxelos realizados
por alumnado de iniciación e é aconsellable para alumnado de 1º, 2º, 3º de ESO,
FP Básica ou PMAR. Pola súa banda, a categoría STEM senior está orientada a
proxectos máis complexos, para alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato.
Cada proxecto debe presentarse a unha única
categoría, pero pode participar en un, varios ou todos os desafíos que se
propoñen. O ‘desafío robots’ consiste en que un ou varios robots, sobre un escenario,
realizan determinadas accións ou tarefas encamiñadas a dar solución a unha
situación que teñan aplicación na realidade da vida diaria. O ‘desafío
programación’ basearase nun proxecto tecnolóxico que de solución a unha
necesidade concreta onde se utilicen linguaxes de programación tipo Scratch. E,
como terceiro desafío, o de ‘impresión 3D’, no que se empregará unha impresora
destas características para o deseño e construción de todas ou parte das pezas
da maqueta que represente ao proxecto.
Premios
de 2.000 euros
En canto aos premios, outorgaranse un total de
seis, un por cada desafío e categoría. En concreto, cada galardón ascende a
2.000 euros, que irán destinados ao centro docente do equipo gañador. A
maiores, os alumnos e alumnas dos equipos recoñecidos recibirán un premio ou
unha distinción e poderán participar nun evento onde amosen os seus traballos e
destrezas.
Cómpre destacar que os centros teñen ata o 21
de abril como data límite para presentar a solicitude e a documentación de cada
proxecto STEM. En todo caso, todos os detalles da convocatoria poden
consultarse no seguinte enlace https://www.edu.xunta.gal/portal/node/21529.
Estratexia
para fomentar as vocacións STEM
Esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia
da Consellería de promover as vocacións STEM entre o estudantado galego, ao
tempo de dotalos dos recursos e ferramentas necesarias para o uso seguro da
tecnoloxía. Nesta estratexia, e ademais das materias de libre configuración
autonómica, da dotación de equipamentos e da posta en marcha de formación
específica para o profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas, tamén se
inclúe o programa ‘Club de ciencia’, un proxecto piloto para fomentar a
investigación e o desenvolvemento do espírito crítico.