O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, apostou
hoxe por intensificar a cooperación coa República de Cabo Verde, “unha terra
–dixo- chea de oportunidades” en eidos como a pesca, o turismo e o medio
ambiente.
Tras unha
reunión co presidente do país, Jorge Carlos de Almeida Fonseca, Feijóo destacou
a súa visita como un chanzo máis na relación entre ambos os pobos, que xa fora
selada no Memorando de entendemento asinado entre o Goberno galego e o
caboverdiano o ano pasado.
A través desta
sinatura estanse a promover actuacións encamiñadas a contribuír ao progreso e á
mellora da calidade de vida dos cidadáns de Cabo Verde. Así como a reforzar os
lazos que unen ambos os territorios, especialmente os vínculos coa lusofonía.
O titular do
Executivo autonómico lembrou que hai xa catro décadas que Burela se converteu
na capital da comunidade caboverdiana en Galicia, onde vive xa a terceira xeración
de caboverdianos nados en territorio galego.
Feijóo
concluíu incidindo en que Galicia é unha terra que, lonxe de construír muros,
avoga por tender pontes, consciente de que abrirse a outras comunidades é compartir
fortalezas. “E nós queremos seguir aproximándonos a Cabo Verde, seguir
aprendendo da súa xente e seguir convivindo e compartindo experiencias”,
asegurou.