O
Museo Ramón María Aller de Lalín acollerá
este venres, ás 20.15 horas,
a presentación de “O último caseiro”, o derradeiro libro de Xoán Carlos García Porral. Unha obra ambientada
no rural na que, a través de pequenos relatos, se narra o devir dun caseiro
dende cativo ata a súa vellez.
O
acto estará aberto ao público en xeral ata completar aforo e contará coa
presenza da profesora María Carmen Ares, o poeta e contacontos Celso Fernández
Sanmartín, o xerente de Ausama, Miguel Villar; o xerente da Cooperativa Hoxe,
Lito Andión; o ilustrador do libro, Caio Samos; o Secretario Xeral de Política
Lingüística da Xunta, Valentín García; e o autor, Xoán Carlos García Porral.
A obra
“O último caseiro” consolídase como un
exemplo claro da vida dun caseiro do rural galego, capaz de extrapolar estas
vivencias de xeito que o lector poida identificar ao protagonista con calquera
outro caseiro de calquera aldea galega.
Un
total de 57 relatos divididos en tres claras fases, o caseiro neno, o mozo e o
grande; e como a súa vida transcorre nunhas terras que non son súas. Esta obra,
convértese nun reflexo dunha sociedade quizais aínda presente na que, como di
Celso Fernández Sanmartín “este relato cheo de historias e histórico desprende
un vapor necesario como a transpiración ligada a traballos duros, porque
precisamente fala da vida menos recompensada que un poida imaxinar. Escrava
seguro que é unha palabra que nos resulta máis dura e clara, porque caseiro
inda a temos moi enriba de nós e tan naturalizada que sen tomar distancia non a
vemos tal como é: o fondo do pozo da sociedade”.
Colaboracións
Este
libro, editado por Edicións Fervenza, está ilustrado por Caio Samos, natural de
Brasil, quen coas súas ilustracións aporta forza visual aos relatos. Así mesmo,
na publicación desta obra contouse coa colaboración da Xunta de Galicia, a
Cooperativa Hoxe e o Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela.
O autor
Xoán
Carlos García Porral (Goiás, Lalín -Pontevedra-, 1974) Obtivo o grao de Doutor
en Antropoloxía Social pola USC cunha tese sobre a modernización do rural
mantendo a tradición cultural.
Conta
cun Máster en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural polo CSIC e a
USC. A súa actividade investigadora céntrase na difusión do patrimonio
histórico-cultural da Comarca de Deza. Froito dela son os libros Goiás, vida
dunha parroquia rural galega (Seminario de Estudios de Deza, 2002); Realidade
eclesiástica do concello de Lalín na época postridentina (Seminario de Estudios
de Deza, 2006, en coautoría con Óscar González Murado); Modernización rural e
tradición cultural (Lóstrego, 2008);
Lendas castrexas. Antropoloxía da tradición oral no concello de Lalín
(Lóstrego, 2010); De Balbino a hoxe. Cambios e transformacións na aldea (Lóstrego, 2012); e O mundo dos castros. A
comarca de Deza (Faro de Vigo, 2014, en coautoría con Antonio Presas García).
Como
profesor no IES Pintor Colmeiro de Silleda e membro do seu Equipo de
Normalización Lingüística, impulsou o proxecto A paisaxe lendaria e toponímica
do Concello de Silleda, que resultou gañador do IX Proxecto Didáctico Antonio
Fraguas do Museo do Pobo Galego (2014-15).
Ten
publicada unha ducia de artigos nas revistas Descubrindo, A trabe de ouro e
Lucensia, ademais de ser colaborador no xornal Faro de Vigo. Na teima de
difundir o patrimonio inmaterial e o mantemento da identidade cultural no
rural, imparte charlas en colexios, institutos, congresos e cursos de
formación. Froito desta inquedanza e en colaboración con Antonio Presas García
e Celso Fernández Sanmartín, no 2015 naceu o folleto 22 gramos de ouro. Departamento de comunicación / Edicións Fervenza