O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez
Feijóo, anunciou hoxe o aumento das axudas para a mellora de explotacións,
facilitar a incorporación dos mozos á actividade agraria e impulsar pequenas
granxas, cun orzamento total para este ano de 65 millóns de euros, 4,3 millóns
de euros máis do que se executou en 2016.
Máis polo
miúdo, Feijóo precisou que a axuda que máis medra é a destinada a apoiar o
desenvolvemento de pequenas explotacións, cuxa contía se multiplica por 10,
pasando dos 480.000 euros que se executaron en 2016 aos 5 millóns de euros que
se destinarán este ano. Outros 40 millóns se destinarán a plans de mellora e os
20 millóns restantes, á incorporación de mocidade.
O obxectivo
destas achegas é mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas para
facelas máis rendibles e competitivas, avanzar cara a un adecuado
dimensionamento e equilibrio dos factores de produción das explotacións
agrarias, seguir impulsando o rexuvenecemento do sector, fomentar o emprego e
contribuír a manter a poboación no rural, meta central do plan presentado a
semana pasada e no que se inscriben estas axudas.
Feijóo
lembrou que grazas a estas axudas, o ano pasado, 618 mozos comezaron a
traballar no campo, 582 explotacións melloraron as súas instalacións e impulsouse
o desenvolvemento de 32 pequenas granxas.
Ademais de
bater o récord de axudas por beneficiario, tanto na liña para a incorporación
de mozos coma nos plans de mellora de explotacións agrarias, cada agricultor
mozo recibiu unha media de 40.000 euros, case o dobre do que se viña
concedendo. E cada plan de mellora foi apoiado con 62.000 euros, case o triplo
que a media histórica.