Viveiro.- A vila de Viveiro acolleu hoxe o acto de
homenaxe á artista Maruja Mallo, unha das figuras senlleiras do surrealismo
internacional, á que a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do
Rosario lle dedica este ano o Día da Arte Galega.
O conselleiro de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que participou nesta celebración,
avanzou que o Goberno galego ten deseñado un conxunto de iniciativas arredor de
Maruja Mallo co fin de recoñecer a importancia desta artista no contexto das
artes no século XX.
Román Rodríguez subliñou a “modernidade
cosmopolita” desta musa da xeración do 27 que desde o seu Viveiro natal se
proxectou cara o mundo a través de cidades tan diversas como Madrid, Arxentina,
París, Santiago de Chile, Brasil ou Nova York. Segundo dixo, foi unha persoa
valente que coa súa actitude e pensamento, cimentou as bases da muller moderna;
e unha transgresora na arte, que foi quen de crear “a súa propia linguaxe
artística” mesturando as distintas correntes que estaban chegando a España coa
ollada á arte popular. O conselleiro invitou a recordar a Maruja Mallo como
“unha galega universal por dereito propio” que fixo da arte o sentido da súa
vida e que por riba de todo, contribuíu a facer Galicia.
No acto de hoxe tamén estiveron a alcaldesa de
Viveiro, María Loureiro; o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel
Quintana Martelo; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o
secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o delegado territorial da Xunta en
Lugo, José Manuel Balseiro, entre outros.
O Día das Artes Galegas oficializouse por
primeira vez hai tres anos, coa dedicatoria ao Mestre Mateo; e o ano pasado o
protagonista foi Castelao. Maruja Mallo recibe o recoñecemento nesta edición de
2017, segundo a propia Academia, pola importante significación do seu legado e
da súa obra plástica, o seu contacto con artistas escritores e intelectuais
como Dalí, Alberti, Lorca, Neruda, Breton ou Éluard, e as súa integración nas
vangardas, así como o seu carácter transgresor e defensa dos dereitos da
muller.
Ampla programación
Co gallo desta conmemoración en homenaxe a
Maruja Mallo, a Xunta de Galicia -a través da Consellería de Cultura- ten
deseñado un variado programa de actividades en torno a esta creadora e que
abrangue diversas iniciativas no ámbito das bibliotecas públicas con
obradoiros, roteiros, conferencias, iniciativas na rede e mostras
bibliográficas; a incorporación do Día da Arte Galega ao Calendario do Libro e
da Lectura 2017; e proxectos expositivos nos distintos museos públicos, entre
outros.
De feito, ata o vindeiro venres o Museo
Pedagóxico de Galicia ten marcha o roteiro ‘En feminino: un recordo ás mulleres
comprometidas coa educación en Galicia’. Esta actividade consiste nun roteiro
deseñado para as persoas que visiten o Mupega, no que se destacan espazos
expositivos relacionados con mulleres galegas que xogaron un papel activo na
educación, con especial atención á figura de Maruja Mallo.
Así mesmo, baixo o lema ‘Lembrando a Maruja
Mallo’, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá entre abril e
maio unha actividade que inclúe unha exposición de pezas da creadora que inclúe
litografías, textos e imaxes da obra da artista que pertencen á Colección do
museo, e un punto de documentación específica na biblioteca do centro, con
catálogos e libros sobre a súa vida e a súa obra.