Despois de que unha estudante solicitara no Rexistro Civil
de Corcubión a restitución á forma
correcta en galego do seu segundo apelido “Rey” co fin de que constase coa
forma “Rei”, a resposta foi negativa. O principal argumento deste rexeitamento
foi que non se trataba dunha adecuación ortográfica para adecualo á lingua
gramática galega senón un cambio de apelido pois, consideran, que “Rey”
pertence “ao acervo nacional” e non é o mesmo que “Rei”.
Para mostrar o seu apoio, A Mesa
convocou unha mobilización diante do xulgado de Corcubión, sede do Rexistro
Civil da comarca, polo dereito a galeguizar os nomes e apelidos á que asistiron
medio centenar de persoas.
Entregáronse no Rexistro as
alegacións para que se permita a restitución do apelido “Rey” e, ademais,
presentáronse diferentes documentos, entre eles, un ditame da Real Academia
Galega que certifica que “Rei” é un apelido galego e escribilo con “y” é unha
forma de deturpar o apelido e incorrecta ortograficamente.
O presidente da Mesa pola
Normalización Lingüística, Marcos Maceira, declarou que “todo o mundo ten
dereito a chamarse polo seu propio nome na súa propia lingua tal e como di o
Convenio-marco para a protección das Minorías Nacionais e como recoñece a
lexislación española vixente”. Maceira engade que “todos temos dereito a
corrixir as formas deturpadas dos seus apelidos, incluso Raxoi e Feixoo que,
aínda que non fagan uso dese dereito, non poden impedir que os demais o fagan”. Departamento de comunicación