A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación
do Territorio, Beatriz Mato, destacou que Galicia será unha comunidade libre de
abandonos e de loita contra os malos tratos, físicos e psíquicos, aos animais.
Así llo trasladou hoxe á presidenta do Partido Animalista (Pacma), Silvia
Barquera, durante unha reunión na que lle informou dos avances dados pola Lei
de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, aprobada a semana
pasada polo Consello da Xunta.
Destacou que a lei nace cun triplo obxectivo,
ademais de ser un territorio libre de abandonos e de loitar contra o maltrato
animal, súmase o fomento da adopcións dos animais abandonados, e engadiu que
con esta nova normativa -que agora iniciará o seu trámite parlamentario- dáse
resposta a unha necesidade da Comunidade, como contar cun novo marco normativo
para concienciar aos galegos ante os problemas do maltrato, en calquera das
súas manifestacións, e do abandono animal.
Así, definíronse dúas medidas para paliar o
seu abandono, como a promoción da adopción dos animais abandonados
nos centros de recollida e a restrición da súa eutanasia unicamente aos
supostos de doenza grave e irremediable do animal; e a obriga clara e
específica da identificación mediante microchip para todos os animais da
especie canina.
A conselleira tamén argumentou que facer
fincapé na tenza responsable é a mellor ferramenta para prever o abandono e o
maltrato animal, polo que se divulgará o seu contido entre os escolares e a
cidadanía, en xeral; se velará pola inclusión de contidos relacionados coa
protección animal nos programas educativos, e se promoverá a realización de
campañas de formación destinadas ás persoas propietarias e posuidoras de
animais.
Adiantou que unha das novidades que recolle a
lei é que por primeira vez regula diversas figuras desenvolvidas nas últimas
décadas polos cidadáns como os fogares de acollida, para facilitar a adopción
dos animais abandonados e mellorar o seu benestar, por aquelas persoas que
garantan o coidado, atención e condicións hixiénico sanitarias que precise.
Este acollemento estará condicionado á devolución inmediata do animal se
aparecese un adoptante definitivo válido.
Mato Otero indicou que outro dos cambios que
recolle a lei é a creación do Comité Consultivo para a Protección Animal, como
órgano de estudo, consulta e asesoramento adscrito á Consellería competente en
materia de protección animal. As funcións básicas que terá este comité
consultivo son a emisión de informes e ditames, a realización de estudios que
solicite a Administración competente e promover estudos de planificación e
coordinación nesta materia.
Na súa composición deberá garantirse a
presenza de todas as consellerías que gardan relación con esta materia, da
Federación Galega de Municipios e Provincias, das asociacións de protección e
defensa dos animais, o Consello Galego de Colexios Veterinarios, así como das
entidades de carácter medioambiental.