Os presidentes da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, coincidiron hoxe en reclamar ao Goberno do Estado que permita que as corporacións locais, concellos e deputacións provinciais, podan reinvestir o seu superávit “para atender as necesidades dos cidadáns”.
González Formoso e Caballero reuníronse esta mañá na sede da institución provincial coruñesa para falar sobre o financiamento local, en particular da iniciativa que a FEMP pretende impulsar para reclamar ao goberno que concellos e deputacións podan destinar os 7.000 millóns de euros de superávit cos que remataron o exercicio de 2016 a mellorar servizos locais, crear emprego ou atender outras necesidades da ciudadanía.
Na comparencia ante os medios ao remate da reunión, González Formoso lembrou que os concellos da provincia da Coruña “contan con 200 millóns de euros de remanentes positivos nas súas contas, froito da súa boa xestión”, uns recursos millonarios que actualmente “están ociosos, á espera dunha autorización do goberno de España”, que contribuiría a “reactivar a economía da provincia” e “significaría xeración de actividade e de emprego”, apuntou o presidente da Deputación.
“Apostamos por inxectar todos os recursos económicos que poidamos na maltreita economía do país”, sostivo Valentín González Formoso, que considerou que se trata dunha cuestión de “vital importancia” para os concellos e dunha “demanda constante que recibimos cada día por parte dos alcaldes da nosa provincia”, xunto coa de acabar coas limitacións legais existentes en materia de contratación de novo persoal para as administracións locais.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, na que foi a súa primeira visita institucional á Deputación da Coruña, enmarcou a reunión de hoxe na rolda de contactos que está a realizar en toda España con concellos e deputacións para coñecer de primeira man a súa postura con respecto a estes temas.
Caballero defendeu que as corporacións locais son “de longo” as mellor xestionadas de España, como demostra o feito de que conten nos últimos cinco anos cun “superávit estrutural de 5.000 millóns de euros”, que este ano ascendeu ata os 7.000 millóns de euros, un 0,66% do PIB estatal.
“España cumpriu os requerimentos do déficit con Europa grazas ás corporacións locais”, sotivo Cabellero, que lembrou que concellos e deputacións cumpren tamén en cuestións como a redución da débeda ou o período medio de pago a provedores, o que as convirte “nun modelo de xestión”.
Reunión extraordinaria da Xunta de Goberno da FEMP
O presidente da FEMP esixiu que sexan os propios concellos os que poidan dispor deses 7.000 millóns de euros, destinándoos a “atender aos seus cidadáns”.
“Non imos deixar que os 7.000 millóns de euros que aforraron os nosos cidadáns redunden en beneficio doutras administracións”, afirmou Caballero, que anuniou a convocatoria, o vindeiro xoves, dunha reunión extraordinaria e urxente da Xunta de Goberno da FEMP para abordar este asunto e “facer unha declaración conxunta da nosa demanda ao Goberno de España”, dado que “o que neste momento coñecemos dos Presupostos é que non se da satisfacción ao noso requreimento”.
Contratación de persoal na administración local
Outro dos asuntos abordados na reunión de hoxe entre Formoso e Caballero foron as limitacións impostas polo Goberno do Estado á contratación de novo persoal na administración local, que segundo o presidente da FEMP supuxeron a perda de 96.000 empregados públicos durante a crise.
“Entendemos que os servizos básicos dos concellos están sendo atendidos con moito esforzo por parte das entidades locais, dadas as limitacións legais existentes en materia de contratación”, afirmou Formoso, que expresou o seu apoio ás demandas da FEMP de recuperar o emprego público perdido durante a crise, tal como o propio presidente provincial coruñés vén defendendo en numerosas ocasións dende o inicio do mandato.
Caballero explicou que a proposta do executivo pasaría por permitir un 100% de reposición das prazas destinadas a servizos públicos esenciais como policía, bombeiros ou servizos sociais, mentres que no resto de postos, a taxa de resposición sería do 50%. Unha proposta que “mellora o que tiñamos”, pero que non impide que os concellos aspiren a recuperar os 96.000 empregos que se deixaron de contratar durante a crise. Departamento de comunicación