El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

NA BOLSA NEGRA

Máis de 41.000 toneladas de téxtil chegan cada ano a Sogama

04-04-2017 21:17:34
Javier Domínguez (I), presidente de Sogama.

Cerceda.- Con motivo da súa participación no Humana Day, evento celebrado o pasado 30 de marzo en Santiago de Compostela e no que Humana Fundación Pueblo para Pueblo dou a coñecer os distintos programas de cooperación ao desenvolvemento nos que traballa e cos que pretende contribuír a unha educación de calidade, equitativa e inclusiva nos países máis desfavorecidos,  o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, invitado de honra neste encontro, desvelou que máis de 41.000 toneladas de téxtil aínda chegan cada ano ás instalacións da empresa pública galega a través do contedor verde convencional, destinado a acoller a fracción resto. 

É por isto que apelou á colaboración cidadá para que a roupa usada sexa depositada nos contedores axeitados e teña unha segunda vida a través da reutilización e o reciclado, coa vantaxe engadida de que, no caso de Humana, os beneficios obtidos destínanse íntegramente a proxectos sociais nos países do sur, así como tamén a accións locais. 

A pesar de que aínda chegan a Sogama moitas prendas na bolsa negra, alentou a seguir traballando nesta liña, xa que o labor de organizacións como Humana  xa está a dar os seus resultados. E é que o téxtil, aínda que  tímidamente, xa foi diminuíndo de forma progresiva a súa presenza no contedor xenérico: desde o 8,34% en 2013 ao 7,84% en 2014 e ao 5,30% en 2015. “Imos no bo camiño”, asegurou, “pero quédanos moita tarefa por diante que require a implicación de todos”. 

Tal e como sinalou, os avances de Humana e de Sogama, que precisamente este ano están de aniversario, 30 anos no caso da primeira e 25 na segunda, “debémosllos aos cidadáns; a aqueles que confían nos nosos sistemas, a aqueles que cada día depositan os seus residuos nos contedores habilitados para tal fin”. 

Así mesmo, recordou que o coidado do medio ambiente é un loable labor que debe ir acompañado de “responsabilidade, compromiso e solidariedade”, ao que engadiu que “se ese labor se traduce en melloras na saúde, no ámbito educativo e na creación de emprego”, o noso cometido será realmente circular, acorde con ese novo modelo de desenvolvemento ao que todos, sen excepción debemos aspirar e polo que debemos traballar”. 

No transcurso do evento,Javier Domínguez Lino, recolleu, de mans da Directora Xeral de Humana Fundación Pueblo para Pueblo, o galardón polo seu labor na defensa dos valores medioambientais, un  recoñecemento que tivo lugar no marco dos VII Premios Humana de Reutilización de Téxtil, que foron entregados igualmente con motivo do Humana Day Galicia.


Máis de 100.000 euros destinados a proxectos sociais

A Directora Xeral de Humana, Elisabeth Molnar, foi a encargada de dar conta das distintas iniciativas materializadas pola entidade no ámbito educativo, se  ben lamentou que aínda  hai 250 millóns de nenos en todo o mundo que non saben ler nin escribir. Neste sentido, apelou á imperiosa necesidade de investir en educación como garantía para o progreso das comunidades, de acordo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). 

Agradeceu a colaboración do pobo galego, onde  Humana está implantada desde fai 17 anos e onde 300.000 donantes de roupa usada xa  utilizan os 390 contedores da organización instalados na nosa comunidade e que permiten recoller cada ano 2.100 toneladas de téxtil, evitando con isto a emisión de 6.730 toneladas de emisións de CO2 e posibilitando que máis de 100.000 euros foran destinados a distintos proxectos sociais. 

Ademais de todo isto, manifestou que esta organización contribuíu tamén á creación de emprego estable e de calidade. Non en van, 500 persoas prestan servizo para Humana en toda España. Non obstante, e a pesar os logros, coincidiu con Javier Domínguez en que queda moito por facer, xa que non son capaces de recoller nin o 20% do total de roupa que se desbota. Un gran reto por diante no que dobregarán esforzos. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias