A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) cumpre 25 anos de vida e faino coa plena satisfacción do deber cumprido e coa plena confianza de estar dando os pasos axeitados cara a un futuro que quere acuñar, e ademais en maiúsculas, coa palabra que definiu a súa xestión ao longo de toda a súa primeira etapa existencial: a sostibilidade.
Grazas á axuda de todos, e malia as dificultades e limitacións iniciais propias de calquera proxecto de gran envergadura como o que nos ocupa, a Sociedade Galega do Medio Ambiente conseguiu que na nosa comunidade se fale de xestión e tratamento dos residuos urbanos e que o sistema de eliminación en vertedoiro municipal forme parte do pasado. Redución, Reutilización, Reciclaxe e Recuperación Enerxética da parte non reciclable constitúen termos que impregnan de forma permanente os seus discursos, pero que, non por repetidos, carecen de valor. Todo o contrario. Representan conceptos que a entidade quere potenciar ao máximo para que formen parte da cultura ambiental galega e que a adopción dos mesmos se instale na vida cotiá da poboación como garantía de prosperidade.
O pasado ensinounos que, con traballo, tesón, devoción e empeño, Galicia tamén pode ser un referente ambiental. Sogama conseguiu configurarse hoxe como paradigma na súa modalidade, pero este estatus alcanzará a súa máxima expresión dentro dun ano, cando a ampliación da súa infraestrutura industrial se converta en realidade e poida dicir con orgullo que é a planta das súas características máis grande e eficiente de Europa e do mundo.
Foron moitas as dificultades que deberon ser superadas para chegar ata aquí, pero tamén foron moitos os apoios que a compañía recibiu por parte de distintos sectores que arrouparon as súas propostas: desde a propia Comisión Europea ata os seus accionistas, Xunta de Galicia e Gas Natural Fenosa Renovables, as empresas do sector, as administracións en todas as súas modalidades e os nosos queridos cidadáns, peza clave e verdadeiros protagonistas dos pequenos e grandes logros alcanzados durante todo este tempo.
Quédanos un longo camiño por percorrer, probablemente non exento de dificultades, e quizais pedregoso nalgunhas ocasións, pero é o camiño que debemos seguir xuntos se queremos gozar dunha Galicia limpa, saudable e feliz.
A nosa ilusión non pode ser maior. Porque queremos seguir cumprindo anos cos galegos de hoxe e de mañá, coa garantía do traballo ben feito e coa convicción de que o noso legado poderá ser gozado polas próximas xeracións. Namentres, celebremos o noso primeiro 25 Aniversario honrando aos veciños dos municipios aos que damos servizo, os nosos principais aliados. Departamento de comunicación