O mes de marzo estivo caracterizado por
unha rápida e acusada variabilidade entre as baixas presións, con chegada de
aire frío do Atlántico norte, e as altas, acompañadas de aire procedente do
norte de África. En xeral, en toda a Comunidade as temperaturas estiveron por
riba da media, mentres que en chuvia resultou húmido aínda que preto do rango
normal, con lixeiros excesos en puntos de Pontevedra, A Coruña e metade norte
de Lugo e déficits nas áreas máis continentais.
A modo de resumo, as primeiras seis xornadas estiveron
dominadas pola chegada de borrascas dende o Atlántico norte, deixando paso
desde a sétima xornada a un anticiclón, que arrastrou aire cálido procedente no
norte de África, este foi o primeiro dos cambios bruscos.
O segundo rexistrouse nas xornadas do 11 e 12 coa entrada
dunha nova borrasca con aire frío, baixando a cota de neve ata o 1.000 metros e
rexistrándose precipitacións en toda Galicia nesa xornada.
A partir da xornada 13 achegouse un novo anticiclón, que se
mantivo ata o día 20 coa chegada do primeiro sistema frontal que deixou chuvias
xeneralizadas e xornadas nas que a cota de neve foi subindo progresivamente e a
inestabilidade seguiu sendo a nota predominante.
Na derradeira semana do mes, entre o 27 e o 31, a
meteoroloxía de Galicia estivo dominada pola presenza dunha borrasca profunda,
localizada entre Terranova e Irlanda, pero que soamente collía a Galicia no
límite sur de seu radio de acción.
En relación coa temperatura, estas foron cambiantes durante
todo o mes, con valores moi elevados na parte central do mesmo, superándose
nalgúns momentos os 30ºC no interior -como se rexistro na xornada do día 10;
fronte aos episodios de frío intenso, particularmente nas xornadas do 22, 23 e
24 de marzo, onde se acadaron valores inferiores aos -5ºC en puntos da
provincia de Ourense.
Por último, en canto as precipitacións estiveron
principalmente concentradas nos primeiros e derradeiros días do mes co paso de
sistemas frontais moi activos. Concretamente, os días 3, 22 e 23 foron nos que
en xeral se rexistraron os maiores valores.
A chuvia media no mes de marzo obtida a partir dos valores
do mapa foi de 125 L/m2. Os valores máis altos, por riba dos 200 l/m2,
acadáronse no interior e norte de Pontevedra e no suroeste de A Coruña. Os
valores máis baixos no leste de Ourense e en Verín, con valores inferiores aos
40 L/m2.
Para acceder a máis contido e mapas sobre a situación
meteorolóxica do mes de marzo pódese consultar o informe climatolóxico que
publica a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de
Meteogalicia.