El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A sanidade pública galega reducirá a taxa de persoal eventual ao 5%

06-04-2017 21:09:56

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, salientou hoxe que a Sanidade pública galega reducirá a taxa de persoal eventual ao 5%, tres puntos por debaixo do obxectivo asumido polo Ministerio de Hacienda e os sindicatos. Esta é unha das metas que se marca o Plan de estabilidade do persoal estatutario do Sergas, que recibiu onte o visto e prace do Consello.   

Feijóo precisou que este plan, subscrito polos sindicatos profesionais da Mesa sectorial da Sanidade e polos representantes da Consellería, garante maior estabilidade para os profesionais da Sanidade pública. Ademais, se a nivel estatal se chega a un acordo que o permita, en 2017 ofertaranse 1600 prazas, tantas como en toda a pasada lexislatura.   

Respecto á redución da eventualidade, o presidente da Xunta resaltou que no bienio 2017-2018 o Sergas dotará unhas 800 prazas para converter persoal eventual en interinos en praza vacante. A día de hoxe, o 50% desta medida xa está executada, pois desde o pasado 1 de abril 438 eventuais xa son interinos. No segundo semestre deste ano formalizaranse 200 novas interinidades e outras 200 no primeiro semestre de 2018.


Melloras nos concursos de traslados

O Sergas comezará a incluír nos concursos de traslados as prazas cubertas con interinos. Tamén se van negociar as bases do primeiro concurso de traslados aberto e permanente, que garantirá unha mobilidade laboral máis áxil. Prevese que a Xunta estea en disposición de convocar este concurso no último trimestre do ano. “Cada vez que haxa unha praza nun sitio non será necesario convocar un concurso, senón que se poderán solicitar para traballar máis preto da parella ou da familia”, indicou Feijóo.   

Outra das melloras que inclúe o Plan de estabilidade é que os procesos de selección para postos de xefatura, coordinación e directivos pasarán a estar dispoñibles de xeito electrónico, en aras dunha tramitación máis sinxela e transparente.   

O proceso de selección de facultativos especialistas de área desenvolverase conforme a unhas bases negociadas, comúns e uniformes en todas as xerencias do Sergas. Por último, o acordo contempla a constitución dunha Comisión coas organización sindicais asinantes do pacto, co obxectivo de seguir o cumprimento destas medidas e o calendario establecido.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias