O presidente da Xunta, Núñez
Feijóo, afirmou que o Goberno galego remitirá ao Parlamento unha Lei de augas
termais de uso lúdico para definir, organizar e ordenar todas as capacidades do
sector e poñelo en valor; unha lei, que segundo aseverou, permitirá planificar termalmente a provincia de Ourense.
Durante unha
visita ás instalacións do balneario Caldas de Partovia, o titular da Xunta referiuse
ao termalismo como un modelo de calidade, estable, descentralizado e
desestacionalizado. “Calidades todas que nos configuran como destino único”,
asegurou, lembrando que Galicia é a comunidade con máis balnearios, un negocio
que move preto de 60 millóns e xera máis de 1200 empregos directos.
Feijóo
insistiu no compromiso co sector, a través do Plan de turismo termal, unha
estratexia que recolle as liñas fundamentais para o desenvolvemento do sector: para
planificar; para facer infraestruturas termais- creación, mellora e
diversificación-; para integrar produtos
termais; para potenciar o coñecemento neste eido, e para promover o termalismo.
Máis polo
miúdo, subliñou que nestes dous anos este plan permitiu levar a cabo actuacións
como: a recuperación de balnearios abandonados ou de nova construción como o
balneario de Cortegada ou a conversión da fortaleza de Monterrei en parador; e obras
de rehabilitación e acondicionamento como as do mosteiro de San Clodio en
Leiro, a ampliación das termas en Lobios e unha piscina termal en Laias.
“E tamén crearemos
o Club do Produto Turístico da Auga de Galicia e tamén seguiremos traballando
no Plan de turismo de saúde de Galicia”, abundou.