O secretario xeral do
PPdeG, Miguel Tellado, celebrou que as obras do AVE transcorran a pleno
rendemento en Galicia logo de case un ano de bloqueo do Estado propiciado pola
esquerda.
Así, Tellado valorou positivamente a visita do
ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, aos tramos de entrada do AVE na nosa
comunidade, asegurando que isto supón varias cuestións fundamentais: que o
ministro cumpre o seu compromiso de comprobar in situ como evoluciona unha
infraestrutura de tal trascendencia para a nosa terra; que o tramo que segue
parado tamén está próximo a activarse; e que o compromiso nas datas se mantén e
o desprazamento previsto non se incrementou logo dos retrasos.
Tras insistir
en que Galicia tamén seguirá pendente da execución destas obras, recordou que
se viviron varios episodios curiosos
coas críticas aos Presupostos Xerais do Estado nas últimas semanas. “Sorprende
ver como cando se anunciaron as inversións en infraestruturas en Cataluña de
4.000 millóns en catro anos, ou sexa: 1.000 millóns ao ano, algúns criticasen
que era moitísimo”, apuntou incidindo en que eses mesmos, unha semana máis
tarde, dixesen que 925 para Galicia nun só ano era moi pouco.
As incoherencias da oposición
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, Tellado
admitiu que o que máis sorprende é que o PSOE e o BNG sexan quen de criticar
despois de que fosen os oito anos de goberno de Zapatero os que, co aplauso
constante dos nacionalistas, nos colocaron na situación que estamos na
actualidade.
Deste modo, lembrou que en 2008, a agora
oposición multipartita celebraba que Galicia captase un 8% da inversión total
do Estado e pedían que se blindase esa cifra en todos os Presupostos de anos
seguintes. Sen embargo, “un 11% do total e ser a segunda comunidade en investimento
per cápita parécelles un recortazo; e se daquela se lles fixese caso en fixar o
8%, hoxe Galicia tería 300 millóns menos”, subliñou o secretario xeral.
Do mesmo xeito, indicou que durante anos, o BNG
vendía que o seu poder negociador facía que se consignasen partidas para
construír o Tren ao Porto Exterior de Ferrol pero de aqueles orzamentos non se
executou nin un euro. Así mesmo, recordou que o entón vicepresidente da Xunta,
Anxo Quintana, presumía de que "o nacionalismo galego serve para darlle
estabilidade á política do Estado", algo que, segundo Tellado, “habería
que preguntarlle á líder actual do BNG que opina daquelas declaracións, porque
ela xa era deputada”.
“Sabemos que o PSOE e o BNG non se senten
especialmente orgullosos das súas experiencias conxuntas de Goberno, nin na
Xunta nin en Madrid, e teñen motivos”, afirmou o número dous dos populares
galegos antes de pedirlles que fixesen un exercicio de memoria e aprender do
que eles mesmos fixeron para saber o nulo resultado que lle trouxo ao país e a
ambos como partido, tanto en Galicia como en Madrid. Departamento de comunicación