O sector turístico galego espera para esta Semana
Santa tanto un incremento no número de reservas como unha subida no prezo medio
por habitación e noite. Así o reflicte unha sondaxe realizada por Turismo de
Galicia, en colaboración co clúster do sector, levada a cabo entre
representantes do segmento hostaleiro que ofrece unha visión cualitativa das
estimacións para este período.
O
informe mostra un aumento respecto ao ano
anterior no tocante á ocupación, esperando os representantes do sector
consultados unha porcentaxe do 64% para o período comprendido entre o 10 e o 16
de abril —de luns a domingo—, dato que ascende ata o 85% para o intervalo desde
o xoves 13 ata o domingo 16 de abril.
Esta variación entre o número de reservas
realizadas para os tres días laborais que abren a semana coas rexistradas para
o intervalo de xoves a domingo explícase polo feito de que o 85% dos turistas
que van visitar a nosa comunidade nesta Semana Santa serán nacionais e, a pesar
de atoparnos nun período de vacacións escolares, o turista local planifica
viaxes máis curtas, que concentra nos días festivos. Non obstante, os
empresarios consultados resaltaron a mellora na dinámica da ocupación para o
intervalo de luns a mércores, superior aos anos anteriores.
No tocante aos prezos, a sondaxe reflicte a
afirmación case unánime de que as tarifas subiron respecto ao ano anterior. Por
outra parte, respecto ao patrón de comportamento do turista no momento de
decisión de compra, o informe revela unha maior anticipación nas reservas
observada este ano. Con todo, as expectativas para esta Semana Santa son optimistas
grazas ao incremento no número de reservas e, especialmente, debido á subida no
prezo medio por habitación e noite.