A Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía
Agraria (Fogga), ten previsto facer efectivo ao longo deste mes de abril o pago
de algo máis de 14 millóns de euros correspondentes á Política Agrícola Común
(PAC), máis concretamente ao exercicio de 2016. Estes pagamentos beneficiarán,
en conxunto, a case 12.000 agricultores e gandeiros galegos.
A maior parte destes fondos refírense aos chamados pago básico e pago
verde (en total suman 9,2 millóns de euros). O primeiro deles ten que ver coa
asignación de dereitos que teñen os agricultores e gandeiros e co número de
hectáreas declaradas. O pago verde prima o mantemento de pastos, a diversificación
de cultivos e as superficies de interese ecolóxico. Cada un dos beneficiarios
destes pagos recibirá unha media de 1.400 euros (no caso do pago básico) e de
arredor de 690 euros (no que atinxe ao pago verde).
Outros importes destacados dos pagos do Fogga neste mes de abril corresponden
aos conceptos de vacún de cebo, no que computan os becerros cebados na mesma
explotación ou ben os procedentes doutra granxa (algo máis de 3 millóns de
euros), vacas nutrices (case 600.000 euros) e vacas leite (arredor de 580.000
euros). O resto ten que ver con diferentes partidas para ovino, cabrún etc.
Por provincias, como ven sendo habitual polo seu peso agrogandeiro, a
maioría destes fondos son para Lugo (arredor da metade dos devanditos 14
millóns de euros). A continuación séguenlle A Coruña (recibirá uns 3,9
millóns), Ourense (1,9 millóns) e Pontevedra (1,2 millóns).
O aboamento destas cantidades forma parte da programación do Fondo
Galego de Garantía Agraria para o conxunto do período 2016-2017, que abarca ata
o vindeiro mes de xuño. Os pagos realízanse con periodicidade semanal. As
campañas da PAC (no relativo ao primeiro
piar, de pagamentos directos) comezan o seu prazo ordinario de pagos o día 1 de
decembro de cada ano e rematan o 30 de xuño do ano seguinte.
Anticipo
Consonte con
esta programación, o Fogga abonou a comezos deste ano uns 102,7 millóns de
euros a preto de 26.000 beneficiarios en concepto de adianto dos pagos da PAC
correspondentes á campaña 2016-2017. Este anticipo foi un 57% superior ao
efectuado no exercicio 2015. A cifra é, ademais, sensiblemente superior á dos
últimos anos, xa que en 2013 o anticipo foi de 32,6 millóns de euros, no 2014
de 35,8 millóns e no 2015 de 65,3 millóns de euros.