O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, avanzou hoxe en Bruxelas que o Goberno autonómico desenvolverá en Ourense o primeiro ecobarrio, que permitirá facer máis sustentables e eficientes os concellos galegos no horizonte 2020.
Durante unha xuntanza co comisario de Enerxía e Clima, Miguel Arias Cañete, Feijóo presentou esta iniciativa pioneira –que está previsto que se desenvolva conxuntamente co Concello e que ten garantida xa algunha achega do Goberno central- encamiñada a impulsar o aforro e a eficiencia enerxética a través da xeotermia e da biomasa.
O proxecto, radicado no barrio ourensán da Ponte, favorecerá o aforro enerxético nos fogares de 20.000 veciños e en 35 edificios públicos da zona: colexios, estacións de bus e tren, centros de saúde e unha praza de abastos, entre outros. De tal xeito que nos edificios privados se primarán actuacións naquelas zonas máis desfavorecidas; e, a nivel de barrio, o proxecto buscará sobre todo mellorar a iluminación exterior, promover o investimento para unha mobilidade sustentable e a creación dun district heating que permita abaratar custes de calefacción e quentamento de auga, tanto nos edificios públicos como privados, así como investimentos que optimicen os edificios con actuacións como a impermeabilización, entre outras cousas.
“Neste momento estamos elaborando o anteproxecto”, explicou Feijóo, co obxectivo de presentar no mes de xuño esta iniciativa que atende as demandas contra o cambio climático, incrementa a enerxía renovable e diminúe o efecto invernadoiro.
Durante a reunión, Cañete mostrou o seu apoio á creación dun grupo de traballo no que tamén participen representantes do BEI e o ICO, para fixar conxuntamente unha estratexia de financiamento, coa aspiración de poder contar co apoio de fondos europeos e coa colaboración do Plan Juncker.
Feijóo incidiu en que con esta iniciativa Galicia aspira colocarse na vangarda do uso das enerxías renovables. De feito, o propio comisario mostrou moito interese neste proxecto, pioneiro na UE, xa que só hai unha iniciativa similar que se está a desenvolver nunha rexión francesa.
Dentro da área específica de traballo do comisario, o responsable do Goberno galego presentou tamén os avances na elaboración da estratexia galega contra o cambio climático. Un ambicioso documento cuxo borrador, avanzou, se presentará en decembro deste ano.
Feijóo invitou o comisario europeo de Enerxía e Clima a visitar Galicia nesas datas, para presentar esta iniciativa contra o cambio climático e con obxectivos superiores aos da UE, tanto na redución de emisión de gases de efecto invernadoiro como no relativo ás enerxías renovables.
O reto demográfico e unha PAC que impulse o sector primario
Ademais do compromiso de Galicia coas enerxías renovables, ambos os dous aproveitaron o encontro para avaliar a posición de Galicia noutros asuntos chave para avanzar cara a próxima década, como a PAC ou o reto demográfico.
Conscientes de que o proceso de elaboración da Política Agraria Común máis alá do ano 2020 será clave á hora de perfilar o futuro do sector lácteo, Feijóo abordou co comisario europeo a necesidade de avanzar cara a unha PAC que impulse decididamente o sector primario.
Ao respecto, subliñou a importancia dunha PAC que garanta o financiamento para as explotacións pequenas e sustentables; e de favorecer a incorporación dos mozos á industria agroalimentaria.
No tocante ao reto demográfico, Feijóo e Cañete coincidiron na importancia de seguir avanzando neste eido, ao tratarse dun desafío estrutural que require dunha resposta conxunta e coordinada. O titular da Xunta lembrou que desde 2013 Galicia está a traballar xunto con outras comunidades españolas no seo do Foro de Rexións con desafíos demográficos. E insistiu en que no reparto dos fondos de cohesión do próximo período operativo se teña moi en conta a situación demográfica de cada rexión.
Reunión co comisario de Investigación, Ciencia e Innovación
Logo desta reunión, o presidente da Xunta reunirase pola tarde co comisario de Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas para avaliar o desenvolvemento sustentable de Galicia na aposta polo I+D+i.
“Falaremos da RIS3, da nosa estratexia de innovación aprobada por la UE e que conta cunha mobilización de 1600 millóns de euros; e da RIS3 Transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, unha estratexia considerada pola Unión Europea como clave desde o punto de vista do seu contido, un modelo de cooperación transfronteirizo no ámbito da innovación dotado con máis de 350 millóns de euros”, precisou.
O responsable do Goberno galego aproveitará o encontro para reiterarlle ao comisario a invitación para que visite Galicia e presente estas estratexias de innovación.
Apoio ao sector pesqueiro galego na Seafood
Mañá, o responsable do Executivo galego e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniranse co director xeral de Asuntos marítimos e pesqueiros da Comisión Europea, Joâo Aguiar Machado, para, entre outros asuntos, abordar o papel estratéxico de Galicia nesta materia e os principais retos de futuro aos que se enfronta o sector como consecuencia do Brexit.
Posteriormente, visitará a feira Seafood de Bruxelas, onde realizará un percorrido polos expositores das empresas galegas dedicadas ás actividades pesqueiras de procesamento e transformación. “Somos unha comunidade autónoma profundamente pesqueira e as nosas empresas veñen a esta feira para demostrar que estamos á cabeza en innovación, transformación e industrialización dos produtos do mar e dunha pesca sustentable”, aseverou Feijóo.