El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Jesús Antonio Fernández Olmedo
Sociedad

NO PAZO DA CULTURA DE PONTEVEDRA

Os Premios Martín Códax da música entréganse en maio

27-04-2017 18:14:03
Presentación deste evento.

Os proxectos gañadores dos Premios Martín Códax da Música 2017 daranse a coñecer o vindeiro mércores 3 de maio no transcurso da gala de entrega que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo a dirección artística da compañía escénica A Panadaría. A asociación Músicos ao Vivo volve contar co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a organización e difusión destes galardóns, aos que este ano optan 57 finalistas.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación deste evento, na que tamén interviñeron Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; María Garrido, directora de Márketing de Bodegas Martín Códax; Iria Pinheiro, presidenta de Músicos ao Vivo; e Areta Bolado, de A Panadaría.

Sutil subliñou que a Xunta vén colaborando cos galardóns desde o seu nacemento en 2013, ademais de apoiar a actividade da asociación, coa que comparte o obxectivo de dotar dunha maior proxección pública a música galega e os seus intérpretes.

“Todos os premios actúan sempre como incentivos para o estímulo e para a mellora en calquera exercicio artístico”, asegurou o director da Agadic, ao tempo que sinalou que coas accións de difusión dos Martín Códax, esta chamada de atención cara á nosa música mantense viva durante todo o ano. Segundo explicou, a promoción da música en directo é tamén un dos eixos do traballo da Administración autonómica neste ámbito, a través de iniciativas como a Rede Galega de Música ao Vivo, que en 2016 experimentou un incremento do 16% en número de espectadores respecto ao ano anterior, ou a plataforma dixital GalicianTunes, que difunde a actividade das 391 formacións artísticas e 56 empresas musicais rexistradas ata o momento.


Protagonismo feminino

Durante a presentación, ofreceuse un avance da gala desta cuarta edición, na que A Panadería reivindicará o papel das mulleres no sector musical. Así, ademais das intervencións das actrices da devandita compañía, unha banda integramente feminina acompañará sobre o escenario as actuacións doutras compañeiras músicas, premiadas o ano pasado neste mesmo certame.

Tamén se fixo pública hoxe a composición do xurado que escolleu os proxectos gañadores en cada categoría a concurso (16 musicais e tres Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación). A incorporación deste tribunal profesional, que elixiu os premiados entre as 57 candidaturas máis votadas nunha primeira fase polos socios de Músicos ao Vivo, é unha das principais novidades deste ano. Nesta ocasión, estivo integrado polos músicos Abe Rábade, Natashia Zürcher e Benxamín Otero, a xornalista Teresa Cuíñas, o produtor Xulio Cordeiro, o investigador Zósimo López e Noemí Vázquez como representante das salas de concertos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias