El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación rexeita financiar o plan de modernización do transporte da Xunta

28-04-2017 20:38:53
Pleno da Deputación da Coruña.

O pleno da Deputación da Coruña rexeitou hoxe a proposta do Partido Popular de que a a institución provincial contribúa económicamente ao financiamento do plan de modernización do transporte que está a elaborar a Xunta de Galicia, ao considerar que se trata dunha competencia autonómica, na que carece de sentido solicitar a participación económica da institución provincial. 

A moción presentada polos populares na sesión plenaria de hoxe solicitaba a “participación activa” e “implicación orzamentaria da Deputación na modernización do transporte público”, segundo explicou o portavoz desta formación política, Agustín Hernández na defensa do texto, que contou co voto en contra do PSOE, o BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños.

O goberno provincial defende a creación dun marco de diálogo Xunta-Deputación que estableza as liñas estratéxicas dun Plan de Transporte Público Intermodal, específicamente para os espazos metropolitanos, e a constitución de mesas de traballo a nivel técnico, político e económico para abordar o asunto, pero considera que o financiamento do mesmo corresponde á administración autonómica, que é a que ten as competencias en materia de transporte.

Así o explicou no pleno o portavoz do PSdeG-PSOE, Julio Sacristán, que lembrou que o problema do transporte na comarca coruñesa data de hai case catro décadas e criticou que a proposta do PP “sexa igual para todos, porque non é igual unha área metropolitana que os concellos do rural”.

 
Menos liñas e menos frecuencias

Sacristán lembrou tamén que os concellos cofinancian xa o transporte nos seus municipios e “a pesar de estar poñendo cartos para unha competencia que non é nosa, o certo é que temos menos liñas e menos frecuencias”, apuntou o portavoz do PSOE, que considerou “bananero” que en lugares de confluencia de varios concellos como A Zapateira algúns veciños non podan usar o transporte en función de se viven nunha marxe da estrada ou na outra.

“A pesar da súa grandilocuente definición, o plan refírese exclusivamente ao transporte de viaxeiros por estrada, e non ao transporte público en xeral porque non contempla a intermodalidade”, sostivo o voceiro socialista, que apelou á “necesidade de consenso” nun tema “crucial para Galicia e para a provincia da Coruña, debido á importante dispersión poboacional” do territorio.

O portavoz do BNG, Xosé Regueira, tamén criticou que a Xunta pretenda que a Deputación financie o plan de modernización do transporte. “Paréceme que recolle un pouco a idea de Trump: imos a construír un muro con México e vaino pagar México”, ironizou o voceiro nacionalista, que lembrou ademáis que a Deputación da Coruña “xa está poñendo moitos fondos en cuestións que son competencia da Xunta” e apelou tamén á necesidade de consenso para solucionar un problema que “fai que viaxar dende a costa bergatiñá á Coruña ou a Santiago de Compostela sexa unha odisea”.

O voceiro da Marea Atlántica, Daniel Díaz Grandío, criticou tamñen que o PP “insista en que a Deputación financia cuestións alleas ás súas competencias” e avoagou pola constitución dunha área metropolitana “que teña como un dos seus puntos principais o tema do transporte”.

Tamén Compostela Aberta rexeitou o texto dos populares, xa que “por enésima vez piden que a Deputación asuma un gasto que non lle corresponde”, afirmou o voceiro da formación compostelá, Manuel Dios, que se queixou de que “a intransixencia do PP non permitiu que esta cuestión se abordase como unha declaración institucional”.

Pola súa banda, o voceiro de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, sostivo que leva moitos anos loitando por un transporte comarcal que considerou “tercermundista” e que o proceso consistitiu en “reunións, comisións e estudos” que desembocaron en “nada de nada”.

O tamén alcalde de Oleiros lembrou que o seu concello destina máis de 200.000 euros anuais a financiar o transporte sen ter competencias no asunto e invitou á administración autonómica a “dialogar os alcaldes” porque “non nos poden meter a todos no mesmo paquete”.


Moción en defensa da autonomía local

O pleno da Deputación aprobou tamén hoxe, co único voto en contra do Partido Popular, unha moción presentada polos grupos de Marea Atlántica e Compostela Aberta rexeitando “o intento do Goberno de interferir na autonomía municipal” a través da disposición adicional vixésimo sétima do proxecto de Lei de Orzamentos do Estado 2017, que pretende dificultar os procesos de remunicipalización e xestión pública de servizos externalizados a través de concesións administrativas.

O texto solicita que se deixe sen efecto a citada disposición adicional dos orzamentos, que no caso da Deputación podería afectar a servizos como a xestión directa dos parques comarcais de bombeiros na que traballa o executivo provincial, segundo lembrou o voceiro de CA, Manuel Dios.

Asemade, ínstase á FEMP e á FEGAMP a pronunciarse en contra desta disposición co obxecto de que “se respecte á autonomía local dos concellos á hora de decidir cómo se prestan os servizos”. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias