O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a
Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, inauguraron hoxe a X edición de
Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebrará no Pazo
de Feiras e Congresos de Lugo durante esta fin de semana. Deputación e Concello
son as únicas administracións que colaboran con esta cita. O Goberno Provincial
destinou un investimento de 31.000 euros e o Concello, coa a través da
promoción e difusión deste evento deportivo.
Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación
de Lugo estamos moi comprometidos con este tipo de iniciativas, que supoñen un
grande revulsivo económico para a cidade de Lugo pero tamén para a provincia.E
fixémolo porque sabemos da importancia que teñen estas citas deportivas, que
moven, de media, a máis de 10.000 visitantes, que puideron desfrutar da riqueza
que temos na nosa provincia”. O Titular Provincial lembrou tamén que o
organismo provincial colaborou co Equiocio, con outros 10.000 euros.
Méndez López apuntou que “Equigal converte cada ano a
Lugo, á nosa cidade, na capital do cabalo de todo o Noroeste peninsular e mesmo
de toda España. De feito, este certame está entre os 5 mellores de todo o país,
danse cita os mellores xinetes e eguadas de todo o territorio nacional e acolle
actividades para todo tipo de públicos en torno ao mundo do cabalo que atraen a
milleiros de persoas”.
O principal evento da programación de Equigal é o
Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, no que se darán
cita 120 cabalos das mellores ganderías, tanto do territorio galego coma do
resto de España.
Para seleccionar os exemplares, levarase a cabo un
estudo da morfofuncionalidade dos exemplares. Por unha parte, clasificaranse os
participantes segundo a calidade racial (fidelidade ao prototipo racial
definido) e os aires naturais que presenta; e por outra, valoraranse as
aptitudes de cada exemplar en canto á monta e a doma, de acordo a uns
exercicios básicos e os seus respectivos movementos.
Actividades de lecer
Ademais do concurso morfolóxico arredor da Pura Raza
Española, o salón Equigal acollerá 3 espectáculos ecuestres relacionados co mundo
dos cabalos, dous deles gratuítos e un de pago.
Hoxe celebrarase o espectáculo de Doma de
cabalos de Pura Raza Galega da man do polifacético Xacobo
Pérez Paz e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego.
Na xornada do sábado 29, os protagonistas serán os
xinetes do Espectáculo do Carrusel Hípica Amazonas.E tras eles, terá lugar o
Espectáculo “Duende ecuestre, el arte a caballo”, a cargo do Centro Ecuestre El
Rebollido.Este espectáculoterá un novo pase na xornada do domingo 30; neste
caso, a entrada custa 10 euros para os adultos, e 5, para os nenos.
O X Salón do Cabalo tamén conta con actividades de lecer
infantil relacionadas co mundo ecuestre. Así, os máis pequenos terán á súa
disposición inchables, obradoiros e un poni clube supervisado por monitores,
que ofrecerá a oportunidade de tomar contacto por primeira vez coa arte da
equitación, cun animal caracterizado pola súa nobreza e mansedume. A
programación complétase coa zona expositiva, que inclúe postos de artesanía e
produtos do campo.
A entrada de Equigal 2017 ten un prezo de 3 euros, dos
cales unha parte serán doados a Fundación de Dano Cerebral (FUDACE). Departamento de comunicación