O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, está a desenvolver unha investigación sobre o porco celta. En concreto, en colaboración con centros de Asturias e País Vasco, preténdese descubrir cal é a carga gandeira ideal para maximizar a produción cuns efectos ambientais sobre o entorno asumibles.
A coordinación do proxecto corre a cargo do centro da consellería pero tamén colaboran a Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (Serida) de Asturias e o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) de Derio. Responsables de todos estes centros reuníronse en Lourizán para compartir as actividades xa realizadas e revisar conxuntamente os resultados, xa que este proxecto comezou o 1 de xaneiro de 2016. Na cita sinaláronse os obxectivos e as publicacións conxuntas previstas no futuro. Enmarcado neste encontro de colaboración, os investigadores desprazáronse ao concello de Rois para ver o ensaio práctico instalado no monte veciñal da Cubela, Cudimonte e Rois.
A través deste traballo e con estes catro equipos de investigación preténdese coñecer o efecto que as piaras en réxime extensivo, as habituais no porco celta, teñen sobre o medio e comparalas cos réximes semiextensivos e tamén as razas autóctonas coas híbridas.
Mecánica do estudo
O estudio leva por título a Sostenibilidade de sistemas silvopastorales de frondosas caducifolias iberoatlánticas con razas autóctonas de porco en réxime extensivo. Inclúe cinco ensaios situados en carballeiras e soutos repartidos nas tres comunidades autónomas implicadas. O obxectico global é implementar sistemas silvopastorais con razas autóctonas de porcino de alta calidade de carne en réxime de explotación extensivo e cun aproveitamento final de froito para a alimentación animal.
Preténdese ademais incrementar o uso múltiple do territorio coa mellora da rendibilidade destas plantacións, tendo en conta aspectos medioambientais. Para iso, estudaranse valores como a biodiversidade da flora vascular, o arborado adulto, os danos causados polos animais, a rexeneración das especies arbóreas, a fertilidade e a compactación. Tamén se analizará o ciclo do carbono e saúde do solo, a biomasa de sotobosque, as herbas e a produción de froitos (castañas, landras), así como a sanidade animal e a influencia da nutrición en extensivo na produción das diferentes razas do tronco celta, entre outras cuestións. A investigación está previsto que remate a finais de 2018.