El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA | ATA O 15 DE MAIO

Amplíase o prazo para solicitar as axudas de mellora de explotacións

02-05-2017 12:05:53

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola cal se amplía ata o vindeiro 15 de maio o prazo para solicitar as axudas de investimentos en explotacións agrícolas (plans de mellora), para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Esta liña de achegas está dotada con 65 millóns de euros, un 7,08% máis que na pasada convocatoria, e distribúese do seguinte xeito: no caso do apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, o presuposto é de 40 millóns de euros, de 20 millóns para a incorporación de mozos e de 5 millóns a liña para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.


Investimentos nas explotacións agrícolas

Os solicitantes das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas deberán ser titular dunha explotación agraria inscrita no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia e levar a cabo un plan que mellore o rendemento global da granxa. Daráselle prioridade a aquelas explotacións que incorporen ou teñan incorporado nos 5 últimos anos un agricultor mozo, así como as que creen novas unidades de traballo agrario e as que presenten solicitude de axuda para proxectos innovadores ou integrados. Tamén terán preferencia as que teñan a condición de explotación prioritaria, as explotacións de montaña e ecolóxicas e ás de titularidade compartida.

Con respecto aos solicitantes que quedaron fóra na pasada convocatoria e este ano deciden volver a demandar esta subvención, quedarán exentos de ter que presentar de novo a documentación, a excepción daquela que precise ser actualizada. Deste xeito, a Consellería do Medio Rural pretende facilitar e axilizar a tramitación aos gandeiros.


Incorporación de mozos

As axudas para a creación de empresas para os agricultores mozos están destinadas a aquelas persoas de entre 18 e 41 anos que desexen crear ou incorporarse a unha actividade agraria e acaden a capacitación profesional suficiente. O mozo deberá ter iniciadas as actuacións contempladas no Plan Empresarial nos 9 meses seguintes á notificación da concesión da axuda e completalas nun prazo total de 24 meses dende a súa instalación.

Existen catro modalidades de incorporación. A titularidade exclusiva, a cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria, a integración como socio nunha entidade asociativa ou o acceso mediante titularidade compartida. Priorizarase, entre outras, simultanear a realización dun proxecto apoiado con investimentos nas explotacións agrícolas, instalarse a tempo completo, a localización en zonas desfavorecidas de montaña, crear emprego adicional ou crear unha explotación ecolóxica ou mediante un proxecto innovador.


Desenvolvemento de pequenas explotacións

As achegas para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que tamén están supeditadas á execución dun plan empresarial cunha duración de 18 meses dende a aprobación da axuda, están destinadas aos titulares de pequenas explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia que teñan a capacitación profesional suficiente, residan na comarca na que radique a explotación ou nunha limítrofe e, sendo maiores de idade, non teñan acadado a idade de xubilación.

A explotación requirirá, como mínimo, dun volume de traballo equivalente á metade dunha UTA imputable ao titular e manterase a lo menos os 5 anos posteriores ao pago final da axuda. Priorizaranse as explotacións cunha orientación produtiva principal hortícola, frutícola, florícola, apícola, vacuna de carne ou ovino/caprino, que sexan ecolóxicas e que estean situadas en zonas desfavorecidas. Máis información





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias