El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Jesús Antonio Fernández Olmedo
Sociedad

EN PONTEVEDRA

Uns 400 docentes reúnense para afondar sobre os retos da educación inclusiva

03-05-2017 11:26:03

Pontevedra.- Arredor duns 400 docentes, entre orientadores, especialistas en Pedagoxía Terapéutica e directores de centros ademais de representantes de entidades e asociacións vinculadas á diversidade danse cita en Pontevedra para afondar nos retos de futuro dunha educación inclusiva, no marco da “VII Xornada dos xefes e xefas dos departamentos de Orientación. Asesoramento para un proxecto inclusivo de centro”, que hoxe inaugurou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez.

O responsable de Educación da Xunta puxo en valor a importancia de encontros coma este para avanzar nun sistema educativo máis equitativo e de maior calidade e destacou, sobre todo, o papel que xoga a formación do profesorado na atención á diversidade.

Neste senso, o conselleiro subliñou que a formación docente é unha das liñas estratéxicas do Goberno galego, que se está reforzando con programación específica en diversidade nos plans de formación permanente, ademais de nos seminarios e grupos de traballo. De feito, a día de hoxe, 73 dos 380 centros que contan cun plan de Formación Permanente teñen un Plan con liña especializada en atención á diversidade; e o curso pasado impartíronse preto de 1.000 horas de formación na materia e máis de 2.000 profesores actualizaron os seus coñecementos.


Aportación ao Pacto de Estado

Segundo Román Rodríguez, os novos desafíos pasan por introducir itinerarios ou currículos flexibles para o alumnado con maiores necesidades educativas ou situacións sociofamiliares complexas, co fin de favorecer a súa permanencia e progresión no sistema; así como blindar a certificación de competencias e saberes adquiridos por experiencia laboral ou por formación non formal a través dunha acreditación que lle abra a posibilidade de validar esta formación. Estas dúas propostas foron defendidas por Galicia ante o Senado, co fin de incluílas no Pacto de Estado pola Educación, no que se está a traballar.

Tamén no ámbito da formación, o conselleiro referiuse ao grupo de traballo creado coas tres universidades galegas para a mellora da formación do profesorado, no que a escola inclusiva e a atención á diversidade abórdase de xeito transversal. Nesta liña, o venres pasado presentáronse as conclusións do documento xurdido do grupo de traballo, do cal se desprende a importancia de manter un diálogo permanente entre as universidades e a rede de formación permanente do profesorado para achegar os plans de estudo universitarios e a formación permanente co fin de dar resposta aos retos do sistema educativo. Trátase dun traballo pioneiro en todo o Estado no que se analizan as competencias profesionais docentes en Galicia e se reflexiona sobre as que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir durante a súa etapa formativa.


A diferenza como valor engadido

Román Rodríguez emprazou aos docentes que participan na xornada a seguir “sumando esforzos” cara un sistema no que as diferenzas sexan consideradas “un valor engadido e enriquecedor para o alumnado, para a comunidade educativa e para o conxunto da sociedade”.

Os asistentes a este encontro debaterán ao longo do día sobre os retos e fortalezas dunha escola inclusiva, partindo da experiencia das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Murcia e Castela-León. Nela participan relatores de primeiro nivel neste ámbito como a coordinadora da REID (Red Estatal de Infancia con Discapacidade), Inés de Araoz; e a directora do Centro Aragonés de Recursos para a Educación Inclusiva, Coral Elizondo Carmona, entre outros.

Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, á apertura da xornada tamén asistiron o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o director do CFR (Centro de Formación e Recursos) de Pontevedra, Jesús Manuel Álvarez Bertolo, organizador do acto; entre outros.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias