El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

EDUCACIÓN

Román Rodríguez sinala ao profesorado como a peza clave do avance do sistema educativo

04-05-2017 20:05:37
Conferencia de decanos de Educación.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a conferencia de decanos de Educación e xornada monográfica El modelo de acceso a la profesión docente actual vs MIR educativo, na que profesionais do maxisterio debateron sobre as diferentes formas de acceder a este oficio diante da oportunidade que supón a actual negociación para un Pacto Educativo. Neste contexto, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou ao profesorado como a peza clave do avance do sistema educativo, fundamental para a innovación neste eido ou para unha axeitada atención á diversidade do alumnado, entre outros aspectos. Neste sentido o conselleiro salientou que Galicia foi a primeira Comunidade en constituír un grupo de traballo para abordar as posibilidades de mellora da formación inicial dos futuros profesores.

Non en balde, a semana pasada presentouse un documento de conclusións ao respecto do que se deriva a necesidade de homoxeneizar os plans de estudos e achegalos á formación permanente, ao tempo que se procuran especializacións para cada escola ou facultade. Así mesmo, contémplase o impulso dun Protocolo común para as prácticas, de tal forma que os docentes do futuro tiren o maior proveito deste período, independentemente do centro educativo no que realicen e de en relación a que universidade o desenvolvan.


Estabilidade para o ensino

Na súa intervención, Román Rodríguez quixo lembrar a oportunidade única diante da que se atopa a comunidade educativa, a de acadar un Pacto pola educación ao abeiro do que se constrúa un escenario duradeiro de estabilidade para o ensino en España, no que a formación do profesorado é un aspecto fundamental. Deste xeito, agradeceu aos decanos de Educación terse adiantado ao abrir un diálogo sosegado na busca do consenso a este respecto, un exemplo do modelo a seguir para acadar un pacto en prol dun futuro mellor para o ensino.

Xunto co conselleiro participaron no acto inaugural o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Roberto Javier López López; a decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Carmen Fernández Morante; o presidente da Conferencia de Decanos de Educación, Juan Carlos San Pedro Veledo; e a secretaria da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Cristina Abeal Pereira.


Mesas redondas

O obxectivo desta xornada é que as facultades se adianten, como responsables da formación do profesorado, a un posible cambio de modelo de acceso á profesión docente, promovendo para iso unha dinámica de diálogo coa administración educativa de diferentes comunidades autónomas. Así mesmo, analizaranse outras experiencias actuais en diferentes países europeos e os modelos previos.Tras o acto inaugural, a xornada continuará coa mesa redonda Problemáticas e necesidades na formación e no acceso á profesión docente. Visión da administración e dos centros de formación inicial, na que participarán o presidente da Conferencia Nacional de Decanas de Educación e Decano da Universidade de Oviedo; o director xeral de Ordenación Académica e Innovación Educativa del Principado de Asturias, Francisco Laviana Corte; o coordinador do Programa de mellora da formación inicial de mestres (MIF) de Cataluña, Miguel Martínez Martín; Javier Granja Pascual, do Servizo Central do Departamento de Educación do País Vasco; o xefe do servizo de Recursos Humanos da Subdirección Xeral de Persoal e Centros Docentes do Goberno da Rioxa, María Inmaculada Guijarro Antón; e o subdirector xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia; Manuel Vila.

Despois do debate e as conclusións, o programa continuará mañá con outra mesa redonda que, baixo o título Modelos e sistemas de acceso á profesión docente, contará coa participación do subdirector xeral de Ordenación Académica do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, Marco Aurelio Rando; así como do director xeral de Educación, FP e Innovación educativa da Consellería de Cultura e Educación, Manuel Corredoira; do presidente da Asociación Nacional de Estudiantes de Educación e Formación do Profesorado (Cesed), Alberto Reyes; da decana da facultade compostelá de Ciencias da Educación, Carmen Fernández; do decano da Facultade de Medicina e odontoloxía da USC, Juan Gestal; e do director xeral de Profesorado e Persoal de Centros Públicos da Generalitat de Cataluña, José Ignacio García Plata.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias