O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación da dotación orzamentaria das axudas destinadas a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, no marco do Plan específico de acción comunitaria.
Grazas a esta orde, que no mes de xaneiro saíu publicada cun orzamento dun millón de euros, o goberno galego continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional, co obxectivo último de garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de tal xeito que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia. O incremento da dotación é de 400.000 euros, quedando establecida en 1.400.000 euros a contía máxima das subvencións que se concedan.
As entidades beneficiarias poderán realizar investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso, camiños veciñais e traídas de augas veciñais coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos de interese veciñal, mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.