El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Xunta renova o seu compromiso coas persoas con dano cerebral adquirido

06-05-2017 10:35:48

A Coruña.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reiterou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia de continuar co apoio ás persoas con dano cerebral adquirido na “procura de achegar solucións que contribúan a normalizar a súa situación na sociedade”. Así o sinalou durante o acto inaugural da primeira xornada sobre esta problemática organizada pola Fundación María José Jove e a Asociación de Dano Cerebral Adquirido da Coruña (Adaceco).

Baixo o título “Capaces de todo”, o encontro reuniu a expertos profesionais en medicina interna, neuroloxía, atención á discapacidade, rehabilitación e mesmo enxeñería robótica. Profesionais no ámbito sanitario e educativo, así como como entidades e familias asistiron a este evento, do que o conselleiro destacou que “sirva para afondar tanto no coñecemento do dano cerebral e no seu tratamento dende diversas disciplinas como no apoio e atención ás familias, xa que estas tamén se ven afectadas cando no seu entorno hai unha persoa con esta problemática”.

Na súa intervención, Rey Varela sinalou que a sociedade debe afrontar esta e calquera outro tipo de discapacidade dende a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva. Neste sentido, apuntou que a inclusión social plena e efectiva destas persoas é un dos eixes que guía as políticas sociais do Goberno galego, ao tempo que engadiu que “non se trata tanto de que as persoas con discapacidade se adopten para integrarse na sociedade, senón que é esta quen as ten que incluír”.

Ademais, o titular de Política Social destacou o traballo das entidades en prol de mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral e avogou por seguir afondando na colaboración e coordinación coas mesmas coa finalidade de “continuar ampliando, entre todos, a cobertura dos servizos destinados a estas persoas”. De feito, explicou que Galicia é pioneira en ter unha carteira específica de servizos sociais dedicado a esta materia, o que permite unha maior especialización e poñer en marcha programas concretos para todos os colectivos: alzhéimer, discapacidade intelectual, parálise e dano cerebral etc.

Por último, Rey Varela indicou que “a pesar dos avances dos últimos anos aínda queda moito por facer, como seguir sensibilizando á sociedade con respecto ao alcance e á dimensión do dano cerebral, así como impulsar e apoiar todas aquelas iniciativas que se dirixan a favorecer a integración destas persoas”. “Debemos seguir dándolle visibilidade ao dano cerebral e normalizar a situación das persoas que o padecen”, concluíu o conselleiro.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias