Santiago.- Arredor de 500 mestres de Infantil e Primaria reúnense hoxe en Santiago nunha xornada para debater e afondar sobre a actualización científica e didáctica do profesorado. Trátase dos V Encontros de Educación Infantil e Primaria, deseñado como un espazo de intercambio, diálogo e discusión de propostas educativas onde os docentes poden compartir coñecemento e experiencias innovadoras e darlle visibilidade ás boas prácticas que levan a cabo na aula.
O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inaugurou esta xornada que está organizada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).
Durante toda a xornada abordaranse, entre outros, temáticas que xiran en torno ao método ABN (Algoritmo aberto baseado en números) e sentido do número, a ópera como vehículo de aprendizaxe; ou cómo adaptarse ao alumnado con tecnoloxía cotiá, entre outros. Neste senso, cómpre destacar a presenza de centros educativos galegos como O CPI San Sadurniño e o CEIP Canosa Rus que aportarán as súas experiencias de traballo na aula.
Na súa intervención, o director xeral de Educación destacou a importancia de abordar metodoloxías activas e contextualizadas xeradoras de aprendizaxe, de introducir o traballo por proxectos e as competencias clave e a importancia das relacións familia e escola no ámbito educativo.
Manuel Corredoira subliñou a importancia do profesorado como peza clave en calquera iniciativa innovadora e aproveitou para animalos a participar na convocatoria de Plans de formación permanente do profesorado co fin de poder implantar nos centros educativos todas as novas aprendizaxes adquiridas.