El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DÍA DA CIENCIA | NA CORUÑA

Medio Ambiente promove a reciclaxe e o consumo responsable

06-05-2017 16:33:53

A Coruña.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio invita aos estudantes galegos a adoptar comportamentos e hábitos de consumo que contribúan a reducir os residuos e a alongar a vida útil dos produtos. Así o explicou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, que hoxe visitou o stand informativo da campaña itinerante Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclemos mellor, instalado no Parque de Santa Margarita con motivo da celebración da vixésimo segunda edición do Día da Ciencia na rúa, na que participan alumnos de centros educativos de toda Galicia.

Con esta campaña, o departamento autonómico pretende chamar a atención dos máis novos e do público en xeral sobre a necesidade de preservar o medio ambiente a través dunha participación activa no sistema de recollida selectiva dos residuos domésticos e de prácticas que no día a día favorecen o consumo racional e de menor impacto no medio ambiente.

A Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio lidera esta iniciativa en colaboración con Sogama e Ecoembes mediante a cal monitores medioambientais formarán e informarán aos asistentes sobre a correcta separación dos residuos que se xeran no fogar e os hábitos e comportamentos que poden adoptar para incrementar as taxas de reciclaxe, prolongar a vida útil dos produtos e fomentar a economía circular. Ademais, poderán resolver cantas dúbidas teñan arredor do sistema de xestión sustentable dos residuos domésticos e recibirán material divulgativo e didáctico para coñecer, dunha forma lúdica, as vantaxes da recollida selectiva e o consumo responsable. Cómpre destacar que o punto de información atenderá de forma ininterrompida desde as 11 ata as 19 horas.

Neste sentido, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático explicou que a idea coa que naceu esta campaña itinerante é achegarse á cidadanía e proporcionarlle pautas para realizar un consumo racional, prolongar a utilidade dos produtos a través da súa reutilización e reducir a xeración de residuos. Igualmente, facilítanse ferramentas para a correcta segregación dos residuos por tipoloxías e depositalos nos contedores correspondentes: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; e colector verde convencional, para a fracción resto, que Sogama logra converter en electricidade, evitando o seu depósito en vertedoiro, a opción menos desexable polo seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.

En definitiva, a responsable de Calidade Ambiental e Cambio Climático salientou a importancia deste tipo de iniciativas, que contribúen á mellora da xestión sustentable dos residuos fundamentada no criterio multierre, isto é, reutilizar, redeseñar, repensar, refabricar, redistribuír, etc.


Aprender xogando

Cruz Ferreira sinalou que a idea é crear un escenario no que se combine a formación e a diversión e que sirva como punto de encontro para o intercambio de coñecementos e experiencias, así como un espazo para xerar interese polo modelo actual de xestión de residuos domésticos e a economía circular.

Por iso, ademais da instalación con motivo da celebración da XXII Edición do Día da Ciencia na rúa, dun punto de información no Parque de Santa Margarita, entregarase aos participantes material lúdico-didáctico, como contos para colorear, libros de pasatempos e bolsas multiusos cos que achegarse aos sistema de recollida selectiva e contribuír así a aumentar as taxas de reciclaxe na Comunidade autónoma.


A campaña itinerante estará en Ferrol e Lugo

Tras a súa visita na Coruña, o tráiler expositivo viaxará a outras das principais cidades galegas, como son Ferrol e Lugo, onde se organizarán actividades semellantes e co mesmo fin. Cómpre salientar que a campaña de concienciación ambiental Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor, xa chegou a máis de 56.000 persoas desde a súa posta en marcha ata o pasado mes de febreiro.

Esta iniciativa que lidera a Campaña de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en colaboración con Sogama e Ecoembes, implicou a realización de 1.300 accións, que van desde actividades nos areais galegos ata visitas a centros escolares.

A diversidade de actuacións, adaptadas a distintos perfís sociais, obedece á necesidade de chegar ao maior número de cidadáns para que entre todos, e desde a unidade, se consiga incrementar os índices de reciclaxe e se asenten os cimentos para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento centrado na economía circular.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias