El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

SAÚDE

A consulta telefónica do Sergas continúa medrando

07-05-2017 13:21:27

As consultas telefónicas en atención primaria ascenderon a un total de 2.226.349 durante o ano 2016, 400.329 máis que durante 2015, isto é un 17%. Esta modalidade de consulta, que escolle o propio paciente, tivo unha importante acollida entre os usuarios do Servizo Galego de Saúde tal e como reflicten o número de solicitudes en aumento.

O paciente, de forma voluntaria e no momento no que solicita a consulta elixe a opción de ser atendido de forma presencial ou a través do teléfono, coas mesmas características de tempo e distribución en calquera das dúas modalidades.

A iniciativa comezou en decembro de 2013 coa especialidade de medicina de familia e en marzo de 2014 ampliouse ás outras categorías profesionais, que iniciaron tamén esta modalidade de consulta. Dende o inicio, todas as categorías aumentaron porcentualmente o número de citas solicitadas e actualmente representan un 8% do total de consultas de atención primaria. A cita prevé a posibilidade de que o paciente pase a ser atendido de forma presencial, opción que se leva a cabo cando é necesario e cunha xestión de esa cita de maneira máis áxil.

Por especialidades, durante o ano 2016 solicitáronse un total de 1.766.255 citas telefónicas para os médicos de familia (o 12,3% do total), 167.015 para pediatría (o 7,87%), e 274.221 para enfermería (que representan o 2,83% do total destas citas). 


Aposta por calidade e seguridade en novas formas de atención

Esta modalidade de atención é unha aposta do Servizo Galego de Saúde por ofertar aos usuarios novos modelos de consultas que acheguen os profesionais á cidadanía, garantindo en todo momento ao paciente seguridade e calidade asistencial. Ao mesmo tempo, reducen desprazamentos aos centros de saúde e evitan esperas innecesarias, co conseguinte aforro de tempo, e de custe económico para os pacientes, axudando a mellorar a conciliación da vida familiar e laboral dos pacientes e do seu entorno.

O profesional ponse en contacto co paciente a través do número de contacto facilitado, e na data e hora acordadas; tras a avaliación asistencial rexistra os datos obtidos na súa historia clínica. A consulta telefónica tamén permite ao profesional -se así o considera- a prescrición directa a través da receita electrónica. Así mesmo, se o profesional, durante a consulta telefónica, considera que non é posible este tipo de atención, facilitará ao paciente unha cita presencial á maior brevidade posible.

Para o Servizo Galego de Saúde, estes programas poden levarse a cabo grazas á implicación de todos os profesionais e aos avances nas ferramentas informáticas das que dispón o Sergas, que permiten entrelazar os sistemas de citación coa historia clínica electrónica e de prescrición, pechando o círculo da comunicación cun medio ao alcance de todos os usuarios como é o teléfono.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias