O
Parque Náutico de Castrelo de Miño acollerá
este venres, ás 20.30 horas, a presentación do último libro de Xosé
Vázquez Pintor, unha obra teatral na que baixo o título “Nos espazos do soño. Diálogos de Amor e
Amigo” se interceptan partituras xunto á trama, dotando do mesmo
protagonismo a personaxes e música.
O
acto estará aberto ao público en xeral ata completar aforo e contará coa
presenza de Tomás Camacho e Gaël Camacho (compositores da música), Héitor
Picallo (ilustrador) e, por suposto, o autor do libro, Xosé Vázquez Pintor.
Así
mesmo, durante o acto, representarase un fragmento da obra que correrá a cargo
de Sara Malvido e que contará co acompañamento musical de Tomás Camacho
(guitarra), Irma Fernández (frauta de bico) e Juan Manuel Vázquez (corda
pulsada).
Cea temática
Esta
presentación érguese dentro dunha actividade organizada por ContemporáneA –
Parque Náutico de Castrelo, na que tamén colabora a Asociación de Amigos do
Órgano “Un rato no tubo” e Concello de Castrelo. É por iso que, nesta mesma
xornada, a partires das 21.30 h, haberá unha cea temática elaborada pola cociña
do Parque Náutico sobre o libro “Nos espazos do soño”, que terá un custo de 15
euros persoa, e contará con 3 pratos e postre.
Así
mesmo, como haberá lúa chea, contarase cun telescopio para desfrutar da
harmonía das esferas...
A obra
“Nos espazos do soño. Diálogos de Amor e
Amigo” érguese como unha obra teatral singular, posto que os seus tres
personaxes van evolucionando co acompañamento da música como outra protagonista
máis, representándose con diversas partituras que se intercalan co texto. Deste
xeito, e xunto coa presenza marcada de cores, o lector-espectador trasládase
coas personaxes a distintos tempos como o Medievo, o Renacemento, o Barroco e o
Romanticismo.
Cabe
destacar o anexo final con partituras para flute e cello que permiten
adentrarse no espazo que Vázquez Pintor trata de representar. É por iso que este
libro se acompaña de un cd no que o lector poderá escoitar esas pezas ás que se
fai referencia ao longo da obra e que foron compostas por Tomás Camacho e Gaël
Camacho.
Este
libro, editado por Edicións Fervenza, sérvese tamén das ilustracións de Héitor Picallo
para acompañar o relato e nas que a súa cor permite identificar o tempo no que
se atopan as personaxes, dotando de maior beleza as verbas de Vázquez Pintor.
Colaboracións
Para
a publicación desta obra, contouse coa colaboración do Concello de Tui, o
Concello de Agolada, a Cooperativa Hoxe, o restaurante enxebre Porta do Sol de
Lamela e Bodegas Terras Gauda.
O autor
Xosé
Vázquez Pintor nace en Melide en 1946, aínda que a Terra do Medio e O Morrazo foron
os seus lugares de acollida. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación,
ten no seu haber un amplo abano de obras que abranguen poesía, narrativa,
ensaio, teatro e mesmo xornalismo.
Entre
os premios recibidos atópase o Premio Eduardo Pondal (1981), Premio Edicións do
Cerne (1984), Premio Cidade de Ourense (1989), Premio Esquío (1990) e o I Premio Uxío Novoneyra.
Tomás Camacho
Estudou cos
mestres Vicente Giner, José Tomás, Andrés Segovia, John Willians e Leo Brouwer.
Ofreceu
concertos en Londres, París, Bonn, Munich, Seúl, Tokyo. Participou nos
Festivais Internacionais de Dublín Arts Festival, Liege Festival, Andrés
Segovia Festival e Are More. Gravou programas para Televisións de Alemaña,
Iugoslavia, Francia, Portugal e España, e interpretou o Concerto de Aranxuez de
J. Rodrigo con Orquestras Sinfónicas de España, Francia e Portugal.
Autor de
Publicacións didácticas como: Escola de
guitarra en 2 volumes. Iniciación á
música de vangarda, así como colaboracións para xornais e revistas
especializadas: O medo escénico para
a revista Catro-42. Epistolario de L.
Krebs a J.S. Bach para o xornal La Región, e Os conservatorios en Galicia para a revista En Clave. Gravou
monografías de L. Brouwer e J.S. Bach.
Como compositor colabora en
producións de teatro, cinema e para grupos de cámara. Foi catedrático e
director do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Departamento de comunicación