El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Xunta mellora os centros de atención a maiores e infancia

10-05-2017 21:55:50
O conselleiro José Manuel Rey Varela.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reiterou hoxe en sede parlamentaria a aposta da Xunta de Galicia por mellorar os recursos que o goberno galego pon á disposición de todos os galegos e galegas nas catro provincias. En concreto, fixo fincapé na situación actual dos recursos e a calidade asistencial dos centros dependentes do departamento autonómico na provincia da Coruña.

Así, o responsable da área social do Goberno galego, explicou que ao longo dos últimos meses se teñen realizado diferentes obras de mellora en centros de menores, residencias de maiores e centros de atención á discapacidade no marco dun plan xeral de mellora de infraestruturas que xa se está a desenvolver e que terá continuidade ao longo da lexislatura. O obxectivo é seguir prestando servizos de calidade e cubrir as necesidades dos usuarios dos centros dependentes da Consellería de Política Social.

Deste xeito, Rey Varela lembrou varias actuacións que se acometeron nos centros dependentes da Consellería de Política Social na provincia da Coruña. Entre elas as do centro de menores de San José de Calasanz. Actualmente este centro atópase nunha situación arquitectónica óptima que permite unha correcta integración, educación e inserción dos menores en situación de especial vulnerabilidade. Por elo se levou a cabo a reforma e equipamento dos baños e habitacións, a reforma do pavillón e o acondicionamento da zona das cortes entre outras, para o que se consignou un importe de 738000 euros.

No tocante ao centro de menores de Ferrol, acondicionouse a planta baixa para que os rapaces e rapazas poidan facer uso dun ximnasio completamente equipado. Tamén se realizaron reparacións diversas e a Xunta investiu un total de 330000 euros.

No ámbito das persoas maiores, a Xunta fixo melloras na residencia de Oleiros no tocante á zona da enfermería, e estase a acondicionar diversas zonas para o uso de residentes e familiares así como para garantir un correcto traslado dos usuarios. O orzamento executado para este fin ascende a 120000 euros.

A residencia Volta do Castro tamén será obxecto de mellora, neste caso no que se refire a mellorar as condicións térmicas do centro, cun investimento previsto de 120000 euros.

Outra das residencias que experimentou unha ampla serie de reformas foi a de Caranza en Ferrol, e na que se actuou nos andares 1º, 5º, 6º e 7º, o que supuxo un investimento de máis de 740000 euros.

O conselleiro tamén fixo referencia ao CPAD Coruña e para o que a Xunta ten planificado un cronograma de accións que permita mellorar aínda máis a seguridade e funcionalidade do complexo. Debido ás características deste recurso, unha obra en calquera instalación implica ter en conta o efecto sobre o resto dos edificios, polo que se elaborou un estudo pormenorizado das actuacións a realizar para unha execución correcta, eficaz, idónea e sobre todo segura.

Rey Varela finalizou a súa intervención facendo alusión á creación de 155 prazas para mellorar a calidade asistencial das prestacións e á modificación da configuración de postos de traballo, que permite unha adecuada posta en práctica das carteiras de servizos da Consellería de Política Social.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias