Cerceda.- A través dun spot dun minuto de duración protagonizado por un neno, e no que se pon de relevo a importancia que ten contribuír ao reciclado, Sogama pretende render homenaxe aos pequenos da casa no Día Internacional da Reciclaxe e enxalzar así o importante papel que estes xogan de forma permanente no proceso de construción dun mundo próspero e sostible.
Como verdadeiros embaixadores dunha xestión máis sostible dos residuos, a súa tarefa educativa esténdese a todos os ámbitos: desde as propias escolas ata os fogares, centros de lecer e contorna social máis inmediata. Calquera escenario lles resulta válido para chamar a atención dos maiores sobre a necesidade de aplicar cada día o principio dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) e lograr con isto un medio ambiente máis limpo e saudable. En xogo está a súa vida, pero tamén a vida das próximas xeracións. O respecto, a xenerosidade, o compañerismo e a solidariedade, constitúen, entre outros, algúns dos valores que os profesores traballan nas aulas para formar a futuros adultos responsables, consecuentes, rigorosos, leais e fieis a ese gran reto de contribuír a preservar o medio ambiente, hoxe e mañá.
Recicla o teu presente, recicla no futuro
Así reza o lema do spot que Sogama estrea hoxe, apelando á necesidade de cambiar condutas no presente e incorporar bos hábitos no futuro para formar parte dunha xeración vinculada a un novo modelo de desenvolvemento, o da economía circular, no que conceptos como aproveitamento, reutilización, reparación, redeseño e reciclaxe teñan cabida, abandonando o caduco sistema de economía lineal dominado polas malas prácticas de producir-usar-tirar.
O protagonista do spot sae á rúa cedo, equipado coa súa bicicleta e o seu remolque de madeira, decidido a percorrer a súa urbanización para recoller aqueles residuos que os seus veciños non depositan nos contedores axeitados ou que deixan espallados por todas as partes.
Envases de todo tipo forman parte do arsenal de materiais que acumula na súa particular maleta. Pero un xesto sospeitoso detenno no seu itinerario diario ao observar que unha persoa adulta cae na tentación de depositar a súa bolsa amarela (latas, briks e envases de plástico) no contedor verde convencional, reservado para a fracción resto. A súa mirada furiosa incomoda e alerta ao presunto infractor, que enmenda o seu erro, depositando os envases lixeiros no contedor amarelo, garantindo así o seu posterior reciclado. Tras corrixir a súa conduta, o neno prosegue o seu camiño.
Con isto preténdese evidenciar que os pequenos, principais aliados de Sogama, sempre están atentos ao que sucede ao seu ao redor de cara a garantir hábitos respectuosos coa contorna e a saúde. E é que o xesto dun neno pode facer moito polo medio ambiente. Departamento de comunicación