A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio conmemora o Día Europeo dos Parques Naturais coa programación de diversas actividades divulgativas coas que pretende implicar á sociedade na conservación do patrimonio natural de Galicia como espazos apropiados para o seguimento e adaptación dos posibles efectos do cambio climático. Deste modo, a Xunta de Galicia súmase á iniciativa da Federación Europarc, na que están representadas as institucións implicadas na planificación e xestión dos espazos protexidos, que este ano, con motivo do Día Europeo dos Parques, que se celebra o vindeiro 24 de maio, quere salientar o papel dos parques naturais na loita contra o cambio climático.
Así, baixo o lema Cambia o parque, cambia o clima, o departamento autonómico invita ao público en xeral a participar nas diferentes actividades que se desenvolverán en cada un dos parque naturais de Galicia e no Nacional das Illas Atlánticas co fin de promover o descubrimento destes espazos como preservadores dos nosos recursos naturais, núcleos de biodiversidade e sistemas de soporte vital.
Conscientes da importancia de promover o coñecemento e o recoñecemento da sociedade sobre o patrimonio natural como un seguro para a súa conservación, a Consellería de Medio Ambiente organizará actividades durante toda esta semana que irán desde un ciclo de cinemaButaca verde, coa proxección de filmes como Amazonia carbonizada o El secreto del bosque, entre outros; charlas, exposicións, visitas guiadas e rutas. Moitas das actividades están dirixidas a escolares, pero tamén ao público en xeral interesado en coñecer os parques naturais de Galicia.
Deste xeito, as persoas que o desexen poderán visitar o stand informativo, que estará instalado o vindeiro 24 de maio na rúa do Paseo, en Ourense, onde poderán coñecer as diferentes rutas de sendeirismo habilitadas nos parques da provincia, como son Enciña da Lastra, Invernadoiro e Xurés, e recoller material divulgativo.
Por outra banda, nos propios parques naturais, desenvolveranse ao longo da semana máis actividades con alumnos de distintos centros educativos de Galicia, co fin de achegar aos escolares á riqueza dos espazos naturais e conciencialos sobre a importancia da súa conservación como fontes de vida, biodiversidade e sustentabilidade. Neste senso, dentro dun ciclo de cinema, os rapaces poderán visualizar diversos filmes de temática específica, realizar algunha ruta e visita guiadas e mesmo participar nalgunha actividade de debuxo centrado na protección do entorno natural.
Programación no Parque Nacional das Illas Atlánticas
As actividades conmemorativas do Día Europeo dos Parque Naturais tamén chegarán ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde está previsto o desenvolvemento de actividades agrupadas por temáticas, como son Coñeces os parques nacionais, que, dunha forma lúdico-didáctica, pretende achegar ao público en xeral os valores destes espazos. Ademais, ofreceranse actividades de pintura para cativos e unha sesión de contacontos destinado para as familias. Tamén haberá cine, coa proxección do filme Los Reyes del Ártico e Norman del Norte, e mesas con xogos e libros.
A programación do Parque Nacional das Illas Atlánticas desenvolverase indistintamente nos centros de recepción de visitantes das Illas Cíes e Ons e no da rúa da Palma, así como no Auditorio do Parque, situado na rúa Oliva, en Vigo.